O Parlamento únese á protección do castro ameazado por unha autovía en Lugo

Xacemento arqueolóxico e obras da autovía © LugoPatrimonio

O Parlamento chega o último, pero chega. A comisión de Cultura da Cámara galega deulle este mércores luz verde á iniciativa coa que o BNG procuraba o apoio do lexislativo á protección do xacemento arqueolóxico de Coeses, un espazo considerado "único" polos expertos na materia e que está en risco de ser arrasado polas obras da eterna autovía A-54, que nun futuro indeterminado unirá as cidades de Lugo e Compostela. "O Parlamento de Galica insta o Goberno galego a adoptar as medidas necesarias para preservar e conservar os restos arqueolóxicos atopados en Coeses, así como a realizar as actuacións precisas para a súa posta en valor", sintetizou o acordo.

A unanimidade dos grupos parlamentarios en torno á proposta defendida polo deputado do Bloque Cosme Pombo únese a un amplo abano de colectivos e institucións que xa advertiron, mesmo ante a Unesco, da necesidade de que a autovía non parta en dous o xacemento. Lembra Pombo que asociacións como Cultura do País, Lugopatrimonio, Mariña Patrimonio, ADEGA, a RAG ou a Universidade de Santiago teñen clara a necesidade do cambio de trazado da autovía: "houbo xa dous cambios mínimos para evitar a destrución do Castro de Valente e da necrópole de incineración", considerada "única", pero "non se acometeu o desvío necesario para evitar a destrución do xacemento que engloba todo o xacemento de Coeses".

A unanimidade do Parlamento únese ás advertencias de múltiples colectivos sociais e institucións

"Todos os restos atopados deben ser tratados en conxunto -argumenta o parlamentario- xa que posúen un valor inconmensurable non só para Lugo senón para o conxunto da historia e do patrimonio galego, o cal necesariamente debe implicar a súa conservación e estudo". Ao contrario do acontecido noutras ocasións o PP si foi sensible á demanda da oposición. A través da deputada María Faraldo os conservadores aseguraron que a iniciativa do BNG "vén reforzar as actuacións xa realizadas" polo Goberno galego "para a preservación e conservación dos restos atopados, en plena colaboración e de xeito coordinado co Ministerio de FOmento". Trátase, di Faraldo, de "garantir a realización do rexistro arqueolóxico completo" dos restos, de "preservalos e conservalos" e de protexelos "in situ".

A postura do grupo propoñente e dos parlamentarios que sustentan o Goberno foi secundada tamén por PSdeG e AGE. Pola banda socialista Concepción Burgo advertiu de que este xacemento pode dar resposta a algúns dos "enigmas" que aínda pairan sobre o pasado castrexo, se ben subliñou que a Xunta se implica por "presión popular" máis que pola súa propia vontade. Dende Alternativa o deputado Xabier Ron lamentou que as persoas encargadas de trazar a autovía non fosen quen de decatarse, aínda que só fose "pola toponimia" da zona, de que estaban facer pasar unha vía de comunicación por un antigo castro, que agora cómpre estudar.

 

Xacemento arqueolóxico e obras da autovía © LugoPatrimonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.