"O pensamento político galego leva anos atrapado no rodopío das teses dos anos setenta"

Captura de pantalla da web Dominio Público Somos Ninguén

Este outono botou a andar Somos Ninguén, un espazo na rede para a reflexión política (pero non só), para a selección e difusión de artigos e análises (e Galicia de alén o Padornelo) e tamén para a publicación de traballos de maior extensión e fondura, a través da súa sección O Comunal, dende onde xa se poden descargar obras de E. P. Thompson, Hillary Wainwright, Amaia Pérez de Orozco ou Marcos Lorenzo. Recentemente, tamén comezaron a publicación de entrevistas, coma a que nestes momentos abre a súa portada, con Helena Miguélez Carballeira, autora de A sentimental nation. Gender, Culture and Politics.

No seu editorial de lanzamento, afirmaban nacer contra a autocompracencia e o individualismo, salientando que que "as persoas que conformamos Somos Ninguén rexeitamos a autocompracencia, non cremos vivir no mellor dos mundos posibles. Avogamos tamén por combater o andazo do individualismo separador que só interesa aos ocupantes dos Palacios". Tamén destacaba a súa vontade de aplicar "o que o comunitarismo implícito a toda esquerda aconsella: situar o nós sobre o eu". Na súa actividade até o momento sobrancea, nomeadamente, o obxectivo de achegar fontes, voces e solidez aos debates políticos e sociais que teñen lugar en Galicia, partindo da análise de que en Europa Occidental "falta pensamento crítico articulado".

"O individualismo, e a autocompracencia que, adoito, leva aparellado, son, en boa medida, unha transposición dos valores do partido da orde ao partido da revolución"

Quen sodes Somos Ninguén? Cal é o voso obxectivo?

Somos ninguén. O noso modesto obxectivo é contribuír á destrución do capitalismo mundial antes de que el nos destrúa a todas nós.

No voso editorial de nacemento diciades que xurdides contra a "autocompracencia" e o "individualismo". Son os dous males máis grandes da esquerda europea na actualidade?

Son dous dos males, ou dúas das praxes impugnábeis, da esquerda europea. Como tamén o son a hipocrisía política ou a ética cínica. Ou o eclipse da fraternidade, por lembrar o memorábel libro de Domenèch. En calquera caso, interésanos subliñar como a ideoloxía dominante –os seus valores, a súa moral- invade tamén as fileiras dos que dicimos combatela. O individualismo, e a autocompracencia que, adoito, leva aparellado, son, en boa medida, unha transposición dos valores do partido da orde ao partido da revolución, por retomar os termos do 18 Brumario. Iso e a ausencia de análises materiais, non teleolóxicos, da realidade. Aspecto no que, por certo, Somos Ninguén aínda se atopa, tamén, coxo.

"Falta pensamento crítico articulado en xeral. Tamén en Galicia, que reproduce as correlacións de forzas –con singularidades, certo- de Europa Occidental"

Falta pensamento crítico articulado en Galicia? Galicia resignouse a xerar un corpus de voces e ideolóxico secundario?

Falta pensamento crítico articulado en xeral. Tamén en Galicia, que reproduce as correlacións de forzas –con singularidades, certo- de Europa Occidental. E falta, ademais, a conexión deste pensamento coas praxes políticas emancipadoras en marcha. O historiador británico Edward Palmer Thompson, nun texto inédito recuperado recentemente e traducido en Somos Ninguén, explicaba as dificultades ás que se enfrontan o pensamento crítico e como a materialización do mesmo é unha cuestión, tamén, de praxe política: “O que pode proporcionar o medio para a transmisión de ideas disidentes se cadra non é ningunha solución técnica (un xornal popular ou unha máquina expendedora), senón un movemento, político, relixioso, nacionalista ou o que sexa. Si, isto é o conto do ovo e galiña, pero a miúdo a galiña e o ovo aparecen xuntos”. 

"Na nosa humilde opinión, o pensamento político galego leva anos –décadas?- anquilosado, paralizado, atrapado no rodopío das teses postas en circulación nos anos setenta e detidas no tempo"

Dito isto, a idiosincrasia nacional galega tamén atinxe ao pensamento crítico. Na nosa humilde opinión, o pensamento político galego leva anos –décadas?- anquilosado, paralizado, atrapado no rodopío das teses postas en circulación nos anos setenta e detidas no tempo. Con medo a confrontar e cómodo no seu illamento. O pensamento político emancipador, en Galicia, parece levar anos sen estabelecer relación dialéctica cunha nación en movemento. Non ten sentido dialéctico. Ou perdeuno. Obviamente, esta cuestión está relacionada con certa parálise, ou retroceso, da esquerda social e política. Contribuírmos a suturar esta fenda é unha das nosas tentativas, sempre con consciencia da nosa capacidade real, reducida e modesta. Por suposto, estas son consideracións xerais. Sempre houbo, e hai, excepcións.

"A esquerda debe esforzarse por organizar as clases subalternas. Por organizalas na súa vida cotiá, na súa praxe diaria"

A esquerda debe esforzarse na loita polos conceptos, pola linguaxe, polos marcos interpretativos? Debe pelexar por recuperar o sentido das palabras secuestradas ou apostar por abrir o campo, impor unha nova orde de prioridades e necesidades, unha nova linguaxe para os de abaixo?

A esquerda debe esforzarse por organizar as clases subalternas. Por organizalas na súa vida cotiá, na súa praxe diaria. Por recuperar aquela vella idea de “todo o poder aos soviets” e volver comezar polo principio: o poder popular; a historia fana os que a sofren; nin deus, nin tribunos, nin amos. Esa é a base a partir da que recuperar conceptos e linguaxe, crear un novo código para os de abaixo, e a partir de aí condicionar nós a loita, as pelexas concretas, as prioridades. É a base sobre a que explicarmos e interiorizarmos como esquerda, por caso, que a democracia non é unicamente votar cada catro anos e que sen democracia material, non pode haber democracia de ningún tipo. Ou que un piquete anti esquirois, nunha folga, é un suxeito lexítimo. Sempre. Ou que a riqueza social a crea o traballo e non os emprendedores nin os empresarios. Pero trátase, na nosa opinión, dun problema material, das condicións materiais en que se produce a linguaxe.

"Para Somos Ninguén resulta imprescindíbel abrir un debate sobre as institucións comunitarias. Isto inclúe o euro, a súa destrución, a súa desintegración ou a súa permanencia"

No último editorial centrádesvos en Europa. Que posición debe manter a esquerda perante a construción política europea e fronte ao euro?

Marx dicía que o Estado era o consello de administración das clases dominantes. Esta descrición é exacta para a Unión Europea, que nunca foi outra cousa ca unha ferramenta supraestatal da versión neoliberal do capitalismo. Alá cada quen, pero non percibir esta realidade é enganarse. E así o fixo, e aínda o fai, parte da esquerda galega. A partir dese mínimo común denominador e da constatación de que Europa é moito máis ca Unión Europea e a súa construción político-institucional, para Somos Ninguén resulta imprescindíbel abrir un debate sobre as institucións comunitarias. Isto inclúe o euro, a súa destrución, a súa desintegración ou a súa permanencia. O que non debe facer a esquerda galega é continuar co discurso da neutralidade dos aparellos institucionais ou co adaxio de “levar unha voz galega a Europa”, sen máis. Nin con empregar as citas electorais para realizaren axustes de contas en chave nacional, ao que semella que todas as organizacións están a xogar. E, en calquera caso, ¿unha voz galega de quen? Para que? Con quen? Con que obxectivos? Althusser, pensador controvertido pero aínda útil, expuxo unha vez o que era, para el, o materialismo: “Non se contar contos”.

"A síntese entre nacionalismo emancipador e marxismo realizada a partir dos anos sesenta por parte da esquerda galega non esgotou, en absoluto, a cuestión. Máis que síntese foi amálgama"

Como cadrar nacionalismo e socialismo?

Nacionalismo é un concepto excesivamente ambiguo, excesivamente recuperábel polo partido da orde. Preferimos falar de dereito de autodeterminación. Agora ben, respondermos a esta pregunta excede con moito as nosas capacidades, este espazo e o noso tempo. Só diremos que a síntese entre nacionalismo emancipador e marxismo realizada a partir dos anos sesenta por parte da esquerda galega non esgotou, en absoluto, a cuestión. Máis que síntese foi amálgama. De feito, o refluxo do antiimperialismo marxista en todo o mundo reflectiuse, de xeito non mecánico pero si real, no aggiornamento da esquerda nacionalista galega. Esta, cando houbo que renunciar a algún dos elementos que a conformaban, axiña se decidiu por un nacionalismo harmónico, idealista, non conflitivo.

"O desemprego é, se ningunha dúbida, un mecanismo de disciplinamento da forza de traballo. Nestes intres, o poder utiliza, sobre todo, o medo como arma disuasoria"

É máis doado organizar a poboación agredida polas políticas da dereita cando a crise económica, o desemprego e a precariedade apertan un pouco menos? Vale o canto peor, mellor para os partidos do sistema?

O desemprego é, se ningunha dúbida, un mecanismo de disciplinamento da forza de traballo. Nestes intres, o poder utiliza, sobre todo, o medo como arma disuasoria. E usa este medo de moi diversas maneiras e a través de moi diferentes vías: leis represivas, destrución da negociación colectiva, paro, violencia directa e indirecta, etcétera. Dalgunha maneira, é como se o partido da orde fose máis consciente do potencial emancipador dos subalternos que os propios subalternos precariamente –aínda- organizados. Non damos o suficiente medo ás clases dominantes. En calquera caso, a caricatura do canto peor, mellor non entende en absoluto as dinámicas sociais, as contradicións en marcha, os campos de batalla que atravesan o corpo social. É irresponsábel, inmaduro.

Que pasará a curto prazo se a esquerda non é quen de achar fórmulas para organizar o malestar crecente no groso da poboación?

A experiencia histórica é coñecida. E se ben a historia se repite como farsa e, ao mesmo tempo, pode adoptar camiños imprescindíbeis ou improbábeis, o certo é que só vemos no horizonte próximo a disxuntiva enunciada hai un século por Rosa Luxemburgo: o socialismo, algunha caste de socialismo, ou a barbarie, esta barbarie.

Captura de pantalla da web Dominio Público Somos Ninguén

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.