O dereito, o maxisterio e as ciencias económicas e empresariais son algunhas das especialidades que mais predominan no Parlamento Galego. O perfil dos deputados e deputadas apenas varía entre os diferentes partidos. En torno a un 90% ten estudos superiores e xa se dedicaba á política antes de entrar no Parlamento. Máis dun 30% foi ou segue sendo edil na súa vila ou cidade e preto dun 20% foi alcalde ou alcaldesa, candidato ou candidata polo seu partido. Tamén destacan os deputados procedentes de sindicatos como UXT, CIG ou CCOO ou os que estiveron representando a Galicia no Parlamento Europeo, no Senado ou no Congreso dos Deputados. Dentro do propio partido, máis da metade do hemiciclo é membro da executiva do seu grupo na súa localidade e tamén os hai que xa participaron na constitución de varios partidos políticos.
As ciencias sociais e xurídicas ocupan case o 50% dos estudos superiores dos políticos do Parlamento Galego, seguido dun 20% de deputados e deputadas que contan con estudos en ciencias da saúde, entre os que destaca a licenciatura en medicina e cirurxía e farmacia. A pesar de que as enxeñarías están entre os estudos dun 10% dos membros do hemiciclo, as ciencias puras son practicamente inexistentes no currículo académico dos deputados e deputadas.
As ciencias sociais e xurídicas ocupan case o 50% dos estudos superiores dos políticos do Parlamento Galego
As rama das artes e humanidades apenas chegan a un 10% entre os parlamentarios galegos, onde destaca a especialidade de xeografía e historia. Hai máis de 2400 anos, o filósofo Platón propuxo na súa obra A República que o estado ideal debía estar gobernado por filósofos, afirmando que para que cesen os males da humanidade é preciso que os filósofos se fagan soberanos ou os soberanos filósofos. Non podía imaxinar que tantos séculos despois, e coa democracia ateniense como precedente, tan só habería un filósofo no "Pnyx galego" e que as profesións que máis abondase fose a de economista, médico ou avogado.
En canto ao reparto por sexos, a pesar de que as mulleres foron maioría durante unha pequena parte da anterior lexislatura, agora atópase outra vez en inferioridade numérica. Ocupan apenas un 34% do Parlamento Galego, menos que a porcentaxe de mulleres no Congreso dos Diputados, onde representan un 36% do total.
As mulleres apenas ocupan un 34% do Parlamento Galego
A cidadanía galega está representada por un perfil de deputado moi estereotipado: home, con estudos en dereito e experiencia na política e cunha media de idade que rolda os 50 anos.