O persoal do 112 denuncia que se mantén o "caos" na nova sede seis días despois do traslado

Rueda e Santiago Villanueva, no novo centro de Emerxencias da Estrada © Xunta

Nove días despois do inicio da folga indefinida iniciada polo persoal do 112 e seis días máis tarde do traslado ao novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112) da Estrada, o persoal continúa a denunciar "caos" e "gravísimos atrasos" na atención das chamadas. Mentres que a Xunta advirte do "bo funcionamento" da novidosa plataforma informática que censura o comité e lembra que non fixo falta "botar man de plans alternativos", os representantes dos traballadores insisten en denunciar "máis tempos de espera e demora" nas chamadas na nova sede e  a "ansiedade e desesperación" de moitos compañeiros. 

O persoal denuncia "caos" e "gravísimos atrasos" seis días despois do traslado polos erros do novo programa informático

Un dos motivos polos que os traballadores decidiron ir á folga foi pola "insuficiente información recibida polo persoal", que se unía aos "continuos fallos do programa informático". Advertían dos posibles problemas no caso de que se levase a cabo o traslado nas datas previstas, "antes de comprobar e testar todo e asegurarse de que todo ía saír ben". Segundo asegura agora o comité de folga, o tempo deulles -por desgraza- a razón. 

"A situación caótica mantense; a plataforma informática segue sen funcionar correctamente, o programa vai moi lento e desaparecen moitas ferramentas que precisamos para traballar", di Isabel Moares, presidenta do comité de empresa, que denuncia que o persoal "non dá sacado o traballao adiante", o que provoca "atrasos" na xestión das chamadas e tamén "estrés e frustración" entre os traballadores. "Non é estraño ver chorar a moitos", advirte. 

"Non é agradable estar en folga, pero o programa informático ía funcionar igual en folga ou non", insiste Moares, que cifra o seguimento do paro indefinido en "arredor do 90%", mesmo "incorporándose xente que optou por apoiar os compañeiros visto o caos creado". Logo de que a Xustiza tombase os servizos mínimos do 100% e aceptase os do 60% decretados polo comité, a realidade é que son do 80% nos traballadores en funcións de xestores e coordinadores telefónicos. 

As dficultades co programa informático, segundo denuncia o persoal, provoca que se vaian atrasando a xestión das incidencias. Desde o 061, con que se coordinan os traballadores do centro de emerxencias, chegan mensaxes de queixas de cidadáns que non dá contactado. Ademais, é desde o 112 desde onde teñen que mobilizar tamén as forzas da orde ou os bombeiros, pero o colapso provoca que estes teñan que "dedicar un operador a porse en contacto" co propio centro de emerxencias. "Á súa vez, os que os chaman directametne a eles tamén tardan máis en ser atendidos e os problemas trasládanse a outros servizos", explica Moares. 

Traballadores do 061, de ambulancias e de bombeiros uníronse ás queixas do 112 para denunciar atrasos na xestión de emerxencias

"Nun incendio hai poucos días, un particular intentou chamar ao 112, pero non deu contactado e acabou buscando por internet o teléfono dos bombeiros para poñerse en contacto con eles directamente", relata. A pasada semana, traballadores dos servizos de emerxencias do 061, ambulancias e bombeiros públicos e privados uníronse ás queixas dos seus compañeiros para denunciar os atrasos na xestión das emerxencias. 

Os representantes dos traballadores advirten tamén que no novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias están a recibir "menos chamadas". "É certo que, agás os últimos incendios, non houbo incidencias importantes, pero xa non sabemos se a xente desiste ao comprobar os problemas que hai para contactar", din. Aínda así, lembran, "seguimos a ter chamadas en espera". Segundo a Xunta, a nova sede da Estrada atendeu máis de 6.300 chamadas nos seus tres primeiros días en funcionamento. 

Ante esta situación, o comité de folga denuncia que representantes da Administración "manteñen unha actitude de acoso" cara a eles. "Impídennos o paso a algunha zona e dificúltannos a comunicación cos compañeiros", din. Ao tempo, o persoal di suplir "a falta de formación e práctica axeitada" con esforzo, "o que non significa que ido sexa suficiente nin que a atención se está a realizar de maneira correcta". 

Mentres, os representantes dos traballadores agardan unha solución "axiña". "Pero non sabemos nada da Administración desde hai moito tempo", di Moares, que lembra que piden manter unha reunión coa Xunta porque o centro de emerxencias "é un servizo público do que é responsable o Executivo aínda que o xestione unha subcontrata". 

"Pasamos a vaga de incendios de 2006, o Prestige, a traxedia do Alvia... Xestionamos todo con profesionalidade e serenidade e agora vémonos limitados e frustrados", remata Moares.

Visita de Alfonso Rueda e Santiago Villanueva ao novo centro da Estrada © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.