O plan de Feijóo para "derrogar 86 leis"

Feijóo, tras o Consello deste xoves © Ana Varela

O gabinete de Alberto Núñez Feijóo rematou a súa primeira lexislatura cunha importante dose de revisionismo lexislativo no seu balance. Case o 40% das leis aprobadas no mandato do retorno do PP foron modificacións de normas anteriores, sobre todo do bipartito pero tamén dos anos de Manuel Fraga. Esa tendencia ao cambio do marco legal herdado superou, con moito, ás modificacións efectuadas polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG, cuxos 10 camibos legais supuxeron menos do 20% das 54 leis daquela lexislatura, ata o momento a de maior produción lexislativa da historia autonómica. Na presente lexislatura o Executivo conservador non só vai manter esa tendencia, senón que se dispón a incrementala.

Despois de que, entre 2009 e 2012, os populares negasen reiteradamente que este tipo de operacións normativas tivesen intención "revisionista", desta volta o Goberno non só non nega a súa intención de cambiar leis anteriores, senón que a amosa abertamente e a converte no denominado Plan de Simplificación Lexislativa, que este xoves recibiu o visto e prace do Consello da Xunta. En tempos de recortes Feijóo encomendoulle ao vicepresidente Alfonso Rueda "redimensionar o bosque lexislativo" galego, nunha aposta que, en verbas do propio presidente, implicará "derrogar 86 leis" de aquí ao remate do mandato.

Na pasada lexislatura case o 40% das leis aprobadas foron modificacións de normas anteriores

"Utilizando técnicas de modificación, refundición ou agrupamento" o Executivo disponse a entrar ata a cociña do marco xurídico autonómico, composto na actualidade por 179 leis. Agora, Rueda ten a misión de "rematar a lexislatura con menos leis en vigor que ao comezo" e, para isto, prevé "aglutinar, a través de novas leis, as disposicións vixente da Xunta en determinadas materias" e, por outra, elaborar "textos refundidos". Esta segunda vía realizarase por medio de "oito decretos lexislativos" que "refundirán normativa dispersa", di.

A Xunta di ter a previsión de derrogar 86 leis durante este mandato

Cando o Goberno remate de pasar a tesoira a súa previsión é que queden en vigor 137 leis, 42 menos que na actualidade. No comunicado difundido pola Xunta para informar ao respecto o Goberno mesmo se atribúe -cando menos dialecticamente- as competencias do lexislativo para asegurar que "por cada lei que aproba, a Xunta derroga dúas". Todo isto, aseguran, responde ao obxectivo recollido no "proxecto de lei de racionalización da Administración autonómica", unha norma coa que o Goberno asegura querer "dar un paso máis no camiño da racionalización, simplificación e redución" do aparello administrativo e legal da autonomía.

Á espera dun pronunciamento sobre este plan en concreto, dende a oposición hai semanas que xurdiron voces contra este tipo de procedementos de modificación do xa aprobado. Nomeadamente, o voceiro de AGE na Cámara, Xosé Manuel Beiras, censuraba tras a última Xunta de Portavoces que "o Goberno siga presentando proxectos que son reformas de leis preexistentes" coa única intención, ao seu xuízo, de "enredar". "Reforman a lei para empeorar ou para permitirlles facer máis falcatruadas", di Beiras, para quen "o colmo do chiste macabro" é que "unha desas iniciativas" fose sobre a Lei de Galeguidade -aprobada o pasado martes-. "Deberían aplicala eles e resultaría que non son galegos, son unha especie de extraterrestres que ocupan San Caetano e moven este Parlamento ao seu capricho", afirma.

Feijóo, tras o Consello deste xoves © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.