O pleno de Noia votará a reprobación do alcalde polos seus chistes machistas

Santiago Freire, alcalde de Noia, no centro da imaxe © Xunta

O Concello de Noia acollerá este martes un pleno extraordinario para a reprobación do seu alcalde, Santiago Freire (PP), polos chistes e comentarios machistas que realizou o pasado 8 de marzo no acto institucional co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora. Toda a oposición -PSdeG, Marea Cidadá e BNG- esixe a reprobación dos comentarios ao considerar que "un representante público non pode alimentar unha lacra como é o machismo". Nunha corporación na que a oposición suma sete edís fronte aos oito do Partido Popular, todo dependerá da decisión dos dous concelleiros de Noieses Independentes Agrupados (NO.I.A.), que forman parte do goberno local ao que sustentan logo de que apoiasen a moción de censura que desaloxou da alcaldía o anterior rexedor socialista aos poucos meses das eleccións locais de 2015.

O pleno de Noia acollerá uun pleno extraordinario para a reprobación do alcalde polos comentarios machistas polo Día da Muller

Desde a oposición, tanto PSdeG, como Marea e BNG reclamaran na mesma semana das desafortunadas declaracións a "dimisión inmediata" do alcalde por ter amosado "non ser digno para permanecer no cargo nin representar a sociedade noiesa nin os seus valores". Ante o pleno de reprobación deste martes, insistirán nas súas demandas. Tamén na de que abandone o cargo.

Cos sete votos pola reprobación de toda a oposición e os oito do PP en contra, todo dependerá do que fagan os dous edís de NO.I.A.

"Que os seus actos merecen que se lle pida a dimisión? Pois eu creo que si", asegura Miguel Paz, concelleiro do PSOE e anterior alcalde da localidade, que advirte que "non só foron os chistes machistas" o censurable por parte de Santiago Freire, senón "a falta de respecto que tivo coas mulleres e cun acto que non tiña nin preparado, no que improvisou e no que fixo os comentarios lamentables que fixo". Segundo asegura, equivocouse co nome da mariscadora homenaxeada, "infravalorou" o momento e "fixo algo que non se atrevería a facer nun acto do seu partido ou no que se homenaxease o presidente da Xunta". "A xente que alí había merece o mesmo respecto que calquera", insiste.

"Entendemos que esas palabras teñen que ser reprobadas por todos os membros da corporación, pero xa se verá cal é o resultado", asegura, pola súa banda, Manuel Seijas, voceiro da Marea Cidadá de Noia, que entende que "un alcalde reprobado con maioría absoluta no pleno debería dimitir". Malia a apelación a votar en conciencia, o voceiro do grupo entende tamén que todo dependerá da decisión que tomen os dous edís de NO.I.A. "A formación desmarcouse das palabras do rexedor, pero non sabemos cal será a súa posición; o que si temos claro é que o que non reproba, aproba", insiste. Tamén o pensa así o socialista Miguel Paz. "Situaranse onde queiran situarse e logo será o pobo quen lles pase ou non a factura, aínda que estamos afeitos a que todo o que faga o PP se descupe nas urnas".

PSdeG, Marea e BNG insisten en reclamar a dimisión: "Un alcalde reprobado coa maioría absoluta do pleno debería dimitir"

Na mesma liña maniféstase a concelleira e portavoz do BNG na localidade, Irati García. "Imos insistir na petición de dimisión porque é o seu; non podemos consentir que isto se solvente cunha simple disculpa". "No eido institucional non podemos deixar pasar por alto estas palabras cando son precisamente as administracións as que teñen que facer todo o posible para acadar a igualdade efectiva e protexer as mulleres", engade.

A representante do BNG pide, ademais, que "cadaquén actúe segundo a súa conciencia e responsabilidade, máis aló do partido", pero cre que os concelleiros do PP "comportaranse como unha unidade". Todo dependerá da votación dos independentes. "Se hai quen decide dar por pechado isto cunha desculpa, eles saberán, pero a mensaxe que se lle manda á sociedade sería paupérrima", engade Irati García.

Alén disto, o que si ten claro a voceira do Bloque é que a reprobación "complicaríalle moito a situación ao alcalde". "Un alcalde reprobado o que tería é unha perda de confianza por parte da veciñanza e cando hai esa perda de confianza, un debe ser responsable", asegura quen cre que o pleno servirá para que "cadaquén dea a cara" ante as polémicas palabras do alcalde.

 

"A muller é capaz de tocar as narices sen achegarse"

O alcalde de Noia realizou os comentarios machistas no acto institucional que na localidade se realizou co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora. Santiago Freire (PP) introduciu tres chistes contra as mulleres "-é o chiste fácil", dixo ao momento"- no medio da súa intervención ante a sorpresa de moitos dos presentes. "A muller é capaz de sangrar sen cortarse; a muller é capaz de dar a luz sen corrente; a muller é capaz de tocar as narices sen achegarse", asegurou.

"A muller é capaz de sangrar sen cortarse", asegurara o alcalde nun dos chistes machistas no acto do 8 de marzo

Ademais, tamén asegurou que "son moitas as dificultades fisiolóxicas que [a muller] ten con respecto ao home, que en ocasión fai que ese traballo que teñen que facer de forza físcica se lle complique". Ao día seguinte, e visto o balbordo, o rexedor pediu "perdón" nun comunicado ás "persoas que se sentisen ofendidas". "Non teño ningún problema en pedir perdón porque o que dixen foi desafortundado", asumiu o alcalde de Noia, que aclara que a súa intención "non era ofender a ninguén e moito menos menoscabar a dignidade das mulleres".

Os voceiros de Marea, BNG e PSdeG en Noia © BNG Noia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.