Manuel Fraga, ex-presidente da Xunta e ministro da ditadura franquista, comezou este xoves a deixar de ser fillo adoptivo do Concello de Ferrol. O pleno municipal aprobou unha moción presentada polo BNG a iniciativa do colectivo de presos e presas políticas para que lle sexa retirado este título.
A proposta tivo tamén os votos favorables de Ferrol en Común e do PSdeG-PSOE, mentres que Ciudadanos se abstivo e o PP votou en contra
A proposta tivo tamén os votos favorables de Ferrol en Común e do PSdeG-PSOE, mentres que Ciudadanos se abstivo e o Partido Popular votou en contra, defendendo a concelleira Martina Aneiros que Fraga foi "un dos pais da democracia”. Manuel Fraga fora distinguido como fillo adoptivo de Ferrol no ano 1965.
Dende o pasado mes de xaneiro unha trintena de presos e presas políticas da ditadura veñen reclamando que concellos e deputacións anulen este tipo de recoñecementos que durante o franquismo recoñeceron a Manuel Fraga e outros cargos do réxime. Lembran que Fraga foi ministro e sumou "case 40 anos de militancia no franquismo ou fascismo, desde 1937". A través dun manifesto pediron "tolerancia cero co franquismo", subliñando que "ningún ministro de Franco pode seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal".
Fraga "nunca manifestou arrepentimento nin pediu perdón polos crimes do franquismo"
No pleno interviron Manuel Monge e Nicanor Acosta en representación do colectivo, que destacaron que "estamos ante unha auténtica anomalía dentro das democracias europeas, que hai que superar". "Algún ministro dos gobernos de Hitler ou Mussolini conserva hoxe a distinción de Fillo Adoptivo nalgún concello de Alemaña ou Italia?", preguntáronse, lembrando tamén "os asasinatos de Amador Rey e Daniel Niebla, os feridos, o cárcere e represión de centos de persoas, o asasinato en Galicia de máis de 6.000 persoas despois do golpe de Estado de 1936".
Nos últimos días, o manifesto recibiu ademais o apoio de case medio cento de historiadores e historriadoras, destacando que Fraga "nunca manifestou arrepentimento nin pediu perdón polos crimes do franquismo. Se vivise hoxe sería citado a declarar pola xuíza arxentina María Servini, como outros ministros da ditadura franquista, no marco da Querela Arxentina, por crimes contra a humanidade, que non prescriben".