A distinción foille concedida en 1968
Unha trintena de presos e presas políticas da ditadura franquista promoven unha iniciativa para que Manuel Fraga deixe de ser fillo adoptivo da cidade da Coruña. Este martes foi presentado un manifesto que pide a retirada desta distinción, que foi concedida o 24 de decembro de 1968. Entre os e as asinantes figuran Manuel Lourenzo, Rafael Pillado, Elvira Souto, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Peña Rey, Celsa Díaz Cabanela, Francisco Rodríguez, Manuel Monge, Nicanor Acosta, Xan María Castro ou Xesús Díaz. O texto está aberto a novos apoios de de presas e presos, así como de historiadores, historiadoras e entidades.
En representación do colectivo interviron en rolda de prensa: Manuel Monge, Nicanor Acosta, Manuel Villares e Xosé Manuel González Gómez, que anunciaron a solicitude dunha entrevista co alcalde da Coruña para pedir o apoio do goberno municipal á iniciativa, o mesmo que cos grupos municipais do PSdeG-PSOE e BNG.
Así mesmo, o colectivo de presos e presas na ditadura ten solicitado participar no escano cidadán no Pleno municipal do vindeiro luns 14 de xaneiro. E, igualmente estuda a realización dun acto público na Coruña "para lembrar a biografía secuestrada de Manuel Fraga, ministro na ditadura e con case 40 anos de militancia no franquismo ou fascismo desde 1937".
O manifesto alerta que "despois de 43 anos da morte do ditador Franco asistimos a unha ofensiva das forzas da dereita e ultradereita, todas con raíces franquistas, que poñen en perigo a democracia e as conquistas sociais" e pide "tolerancia cero co franquismo", subliñando que "ningún ministro de Franco pode seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal".
"Se vivise hoxe sería citado a declarar como outros ministros da ditadura franquista, no marco da Querela Arxentina, por crimes contra a humanidade"
O texto enumera unha gran cantidade de datos biográficos do ex presidente da Xunta, lembrando que "tivo unha traxectoria de máis de 35 anos de militancia franquista ou fascista" e que ocupou numerosos cargos de responsabilidade na ditadura ata chegar a ser ministro entre 1962 e 1969 e entre 1975 e 1976. E subliña que como membro do Goberno da ditadura "foi partícipe e cómplice de toda a política represiva que se aprobaba no Consello de Ministros: fusilamentos, cárceres, campos de concentración, despedimentos, exilio, Tribunal de Orde Público (TOP), graves violacións dos dereitos humanos, expedientes a xornalistas, peche de medios de comunicación e asasinatos de traballadores". Así mesmo, responsabilízao directamente do asasinato de cinco obreiros en Vitoria-Gasteiz en 1976 ou de dous persoas que asistían ese ano ao acto carlista en Montejurra.
Como membro do Goberno da ditadura "foi partícipe e cómplice de toda a política represiva que se aprobaba no Consello de Ministros", lembra o texto
O documento conclúe que Fraga "nunca manifestou arrepentimento nin pediu perdón polos crimes do franquismo. Se vivise hoxe sería citado a declarar pola xuíza arxentina María Servini, como outros ministros da ditadura franquista, no marco da Querela Arxentina, por crimes contra a humanidade, que non prescriben". "Como servidor do franquismo e ministro dunha ditadura criminal, Manuel Fraga non merece recoñecemento social, nin a distinción de fillo adoptivo da Coruña", reitera.
Relación completa de asinantes
Manuel Lourenzo
Rafael Pillado
Elvira Souto
Xosé Luís Méndez Ferrín
Manuel Peña Rey
Celsa Díaz Cabanela
Francisco Rodríguez Sánchez
Manuel Monge
Manuel Villares
Nicanor Acosta
Marisa Vázquez Barquero
Xan María Castro
Xesús Díaz Díaz
Alfonso Tellado
Luis Moya
Luis Alonso Álvarez
Enrique Veira
Marisol García Juárez
Manuel Bermúdez “Chao”
Gonzalo Porto
Sary Alabau
Antón Martínez Aneiros
Elisardo González López
Raúl Pillado
Vicente Couce
Luis González López “Ferreiro”
Anxo Currás
Teresa González Grande
José Manuel González Gómez