O PP abre a reforma do Valedor con censura á oposición por forzar a marcha de Benigno López

Pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

A sombra política de Benigno López é alongada, case infinita, para os tres grupos parlamentarios galegos, se cadra un chisco máis para os que sentan na oposición. Cinco anos despois da elección de López como Valedor do Pobo os ritmos ordinarios da Cámara galega darían lugar a que, nestas semanas de inicio do verán, PP, PSdeG e BNG estivesen a negociar con máis ou menos normalidade o nome do novo ou nova titular da defensoría galega. Pero a formidable controversia creada o pasado maio polo alto comisionado ao defender publicamente os recortes sociais e apostar por unha paralización da Lei da Dependencia contaminouno todo. Esta circunstancia, engadida á crise económica e á proximidade dunhas eleccións que semellan cada vez máis inminentes derivou en que este xullo non se negocie -oficialmente- só a substitución que corresponde, senón tamén a modificación da estrutura da propia institución do Valedor, a instancias do Grupo Popular e cun clima menos propicio ao pacto do que sería desexable. 

Os conservadores defenderon, en sesión plenaria extraordinaria, unha modificación que presentan cun carácter case técnico e cunha intención fundamental: o "aforro do 15%" no custo da institución, pola vía da redución dos tres vicevaledores a un só que, ao tempo, asuma tamén as funcións da secretaría xeral do ente, de carácter eminentemente técnico. Nas filas de socialistas e nacionalistas non caeu ben a forma empregada para iniciar o proceso, unha proposición de lei do PP que converte a reforma nunha cuestión "de parte", di o nacionalista Alfredo Suárez Canal. Aínda menos gustou que o voceiro conservador, Pedro Puy, trasladase á oposición a situación de interinidade que vive o Valedor, cuxo labor está exercido en funcións por José Julio Fernández, ata maio vicevaledor a proposta do propio PP.

Puy acusa a oposición de ter rebaixado a "autoridade" do Valedor coas súas críticas a Benigno López

Esta, di Puy, é "unha situación que nós non provocamos". Ao seu xuízo, a dimisión de Benigno López foi un escenario político provocado por PSdeG e BNG. "Cando tomen decisións, pensen na súa causa e efecto", recomendou, nun contexto no que, na súa opinión, "a autoritas" desta figura estatutaria non se "rebaixa" propoñendo a súa reforma dende un partido e non dende o propio Parlamento, senón "cando se critica a un Valedor por expresar a súa opinión e despois de ser apoiado por esta Cámara". López fora elixido en tempos do bipartito, pero pola vía do pacto co PP.

Reforma "innecesaria" se é só para aforrar

Como Suárez Canal, tamén a voceira socialista no debate, Dolores Rodríguez Amoroso, dubida das intencións dunha reforma de "urxencia discutible", cuxa celeridade vén dada, ao seu xuízo, pola "situación de interinidade" na que se atopa a institución. Neste sentido, Amoroso coida que o PP tenta "axitar propagandisticamente" a cuestión da redución de postos "sen entrar no fondo" obviando, por exemplo, que para eliminar vicevaledores non cómpre modificación legal ningunha. "Por que suprimir os tres vicevaledores e non os asesores dos que pode dispoñer o Valedor? Por que non se profunda na transparencia?", pregúntase a parlamentaria, que observa na iniciativa defendida por Puy un capítulo máis de "falsa austeridade".

A proposta saíu adiante cos votos afirmativos do PP e coa abstención de PSdeG e BNG

"Utilizan a crise como coartada máis unha vez", acusou tamén Suárez Canal, para quen a reforma, "de aprobarse" sen cambios, suporía unha "degradación e gobernamentalización" da defensoría galega. "O argumento de que se persegue o aforro non se sostén", asegura o nacionalista, en cuxa opinión "o pertinente sería" que o texto presentado polo PP fose "retirado" e se "iniciase" un novo, a través dun relatorio tripartito. Finalmente esta retirada non se produciu e a proposta saíu adiante. Fíxoo cos votos a favor do PP e coa abstención de PSdeG e BNG, que agora tentarán introducir cambios no texto mentres, paralelamente, continúan a negociar con máis ou menos discreción o nome dun novo Valedor ou Valedora que podería, así e todo, non ver a luz ata despois das vindeiras eleccións. 

Feijóo conversa con Puy no pleno da Cámara © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.