O PP aférrase ao modelo Sogama e veta a ILP contra a incineración

Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama

O lixo seguirá percorrendo Galicia en camións con destino a Cerceda durante moitos anos. A maioría absoluta do PP serviu este martes para que a iniciativa lexislativa popular a prol da redución, reutilización e reciclaxe dos residuos e en contra da incineración descarrilase ás primeiras de cambio, sen sequera ser tomada en consideración. De pouco serviron os argumentos legais, económicos e ambientais do representante do grupo promotor da ILP, Manuel Soto, a quen o voceiro do PP, Daniel Varela, lle recoñeceu o seu "traballo", pero minutos despois de ratificar que no guión do Goberno galego non hai nada escrito á marxe do modelo Sogama.

"A eficiencia enerxética de Sogama é tan baixa que xa non é unha planta de valorización ou recuperación enerxética, como se nos fai crer", argumenta Soto citando estudos internacionais. Non obstante, a incineración de lixo só podería ser considerada un beneficio "se ficamos cegos ante a contaminación ambiental". "Non hai emisións seguras" toda vez que a queima de lixo produce "potentes tóxicso, persistentes e bioacumulativos". "Os nosos nenos e nenas son a primiera xeración con menos saúde que os seus pais e nais, imos seguir por este camiño?", pregúntase, nun contexto no que a xeración de emprego en torno á xestión dos residuos tamén pasa, afirma, por "desbotar a incineración e o vertido".

Os promotores da ILP subliñan que "non hai escusas orzamentarias" para desbotar a incineración de lixo

"Non hai escusas orzamentarias", apelou tamén Soto quen, co vixente plan de residuos na Xunta na man, subliña que "co previsto para a nova incineradora", que inicialmente ía estar no Irixo e que finalmente será unha ampliación de Sogama, "pódese facer isto e máis". Pero, que é "isto"? Entre outras cousas, destinar, como mínimo "como mínimo" o 15% do orzamento do plan de residuos "á redución" de lixo e non menos do 60% "á preparación para a reutilización para a reciclaxe". Estes preceptos, dicía a ILP, teríase que facer mentres se "exclúe" a incineración, "con ou sen recuperación de enerxía, das actuacións a promover pola Xunta para o tratamento de residuos". No seu lugar o Goberno tería que incentivar a compostaxe doméstica ou comunitaria.

Os conservadores rexeitan que a iniciativa sexa tomada en consideración pero din que "non caerá en saco roto"

Ningún destes argumentos convenceu o PP que, a través do seu voceiro, xustificou ademais o seu rexeitamento que "o modelo" que rexeita a ILP é "o que trouxo o goberno bipartito". "Pódese mudar de opinión, pero pasar de estar regulando Sogama e dicir que a valorización [incineración para producir enerxía eléctrica] é fetén e dicir agora que non é, cando menos, incoherente, a non ser que queiramos facer unha ínsula Gallaecia". Non obstante, afirma, nas filas conservadoras recoñécese o "valor" da iniciativa, polo "que ten de traballo e por sensibilidade ambiental". "Non vai caer en saco roto", asegura, dende a convicción de que Medio Ambiente vai "ter en conta moitas cousas" no "novo plan de residuos que ese está a facer".

A ILP si que tivo o voto favorable dos grupos da oposición que, dende diferentes ópticas, apostaron por incorporala ao ordenamento xurídico galego. Así, dende o PSdeG, Patricia Vilán lembrou que as directivas europeas establecen dende a década pasada que se debe priorizar "calquera política de residuos que reduza os efectos negativos sobre o medio ambiente" e sexa "coherente" coa loita contra o cambio climático, algo que a incineración, di, non fai. Pola banda de AGE David Fernández lamenta que "as políticas de redución" de lixo sigan "ausentes" da Xunta aínda que mesmo "en calquera libro de texto que fale sobre residuos aparece unha xerarquía na que a incineración, xunto co vertido, é o último que se debe facer". Dende o BNG Ana Pontón censura que se vaian seguir "queimando elementos que poderían ser reutilizados" aínda que haxa "evidencias científicas" que xa levaron a "moitos países" a "desbotar a incineración".

Manuel Soto defende a ILP no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.