O PP asegura que se un deputado seu é procesado deixará o Parlamento

Feijóo conversa con Pedro Arias, na xuntanza do grupo do PP © PP

Na pasada lexislatura o PP fixo múltiples corrementos de lista no Parlamento, pero dous deles causaron especial malestar nas filas da formación que lidera Alberto Núñez Feijóo. Os deputados Pablo Cobián e Javier Escribano foron substituídos nos seus escanos a causa de senllas imputacións por presunta corrupción -Cobián permanece imputado no caso Campeón e o caso de Escribano arquivouse tras non atopar o xuíz probas de que recibise un coche a cambio de xestións ante a Xunta-. Tras eses sucesos e aproveitando a xuntanza de inicio do novo período lexislativo os conservadores galegos sinalan que os seus deputados e deputadas veñen de asinar "un compromiso ético" que regulará as accións a tomar no caso de imputación ou procesamento xudicial.

Fronte ás esixencias de dimisión que se teñen lanzado dende as diversas latitudes políticas, tamén dende o PP, para persoas imputadas -a principal diferenza entre un imputado e un testemuño é que o primeiro ten dereito de defensa-, os populares afinan agora máis a vara de medir. Se un dos seus representantes na Cámara galega é "procesado con calquera tipo de medidas cautelares" será "inmediatamente suspendido cautelarmente de militancia e deberá cesar inmediatamente no exercicio de deputado". Non acontecerá o mesmo no caso de imputación. Se é así, o compromiso é de "poñer a súa acta á disposición do PP", pero non de dimisión.

A promesa chega tres anos despois do "código de boas prácticas" da dirección estatal do partido, aprobado en pleno escándalo Gürtel

A sinatura deste "compromiso ético", cuxos preceptos se cinguen só aos membros do grupo parlamentario, chega tres anos despois de que, en pleno escándalo do caso Gürtel, a dirección estatal do partido presentase o seu "código de boas prácticas", cuxas esixencias foron cumpridas, cando menos ata o momento, con notable laxitude. Naquel documento os membros da formación que encabeza Mariano Rajoy comprometéronse, por exemplo, a asinar unha "carta de compromisos" ao accederen a calquera cargo público na que ficaran acreditados aspectos como unha declaración de bens e actividades, a "clara" separación "do público e do privado" na súa "actuación" ou a prohibición de recibir "calquera agasallo que non responda, polo seu importe ou causa, aos usos e costumes sociais".

Á marxe do devandito "código ético" esta primeira xuntanza do grupo parlamentario non serviu para despexar os interrogantes sobre a organización parlamentaria do PP na nova lexislatura, isto é, se Pilar Rojo manterá ou non a Presidencia do Parlamento -todo semella indicar que si- e se Pedro Puy continuará como voceiro. Para ambas designacións, din dende o partido, Feijóo abriu unha rolda de "consultas" entre os membros do grupo. Do mesmo xeito, os conservadores tampouco aclaran se os conselleiros e conselleiras terán, como a pasada lexislatura, que renunciar ao seu escano no Parlamento.

Feijóo conversa con Pedro Arias, na xuntanza do grupo do PP © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.