O PP blinda o Goberno central da intervención do Parlamento galego

Feijóo apláudelle a Juárez nun acto institucional © Xoán Crespo

Fraga e Aznar, Touriño e Zapatero, Feijóo e Rajoy e, máis fugazmente, Laxe e González. A coincidencia nas siglas dos partidos que sustentan os gobernos galego e español adoitan rebaixar notablemente o grao de belixerancia da Xunta á hora de formular reclamacións ante o Executivo central. No entanto, mesmo no período no que esta circusntancia se deu dun xeito máis prolongado, entre 1996 e 2004, o Goberno central tivo unha menor blindaxe a respecto dos asuntos espiñentos que lle chegaban dende Galicia, caso por exemplo da comisión de investigación do Prestige ou das reclamacións de novas competencias formuladas -e nalgúns casos conseguidas- polos gobernos de Manuel Fraga.

Despois dun período de guerra case total con Madrid de 2009 a 2011, o ascenso de Rajoy ao poder inaugurou unha etapa de pracidez case absoluta entre San Caetano e La Moncloa, ata o punto de que nos últimos tempos o PP galego optou por servirlle de parapeto á súa matriz estatal en cuestións tan polémicas como o accidente do Alvia en Compostela. Sen apenas reclamacións económicas ou políticas sobre a mesa no ámbito gobernamental, no Parlamento os conservadores tentan que os asuntos incómodos non saian do Pazo do Hórreo, un fenómeno que adquiriu especial intensidade nas últimas semanas.

Nos últimos meses fracasaron os intentos de investigar Angrois e de que cargos estatais comparecesen na Cámara galega

Tras meses de vetos á comisión de investigación sobre o devandito descarrilamento en Angrois -nesas votacións o PSOE abstívose- amparándose nunha suposta falta de competencias o pasado marzo o delegado do Goberno central en Galicia, o ex conselleiro Samuel Juárez, abría unha nova fronte ao boicotear a comisión de estudo sobre seguridade viaria do lexislativo galego. Todos os grupos, tamén o PP, pediran que acudisen ao Parlamento varios responsables da política de tráfico, de competencia estatal, tales como o xefe da Demarcación de Estradas, a xefa provincial da DGT ou o responsable da Agrupación de TRáfico da Garda Civil. E Juárez negouse en rotundo.

Obviando que se trata dunha comisión de estudo o delegado de Rajoy no país argumentou que as comisións parlamentarias "teñen un carácter de control político da acción do Goberno", polo que "non se considera apropiada a presenza das persoas convidadas" por "teren a condición de funcionarios da Administración xeral do Estado". A negativa irritou a oposición parlamentaria e tamén molestou ao PP galego, que mesmo instou o delegado a reconsiderar a decisión, aínda que non tivo éxito ningún.

Veto á reprobación promovida polo BNG

Este boicot á comisión de seguridade viaria e outros sucesos recentes, como a violenta carga policial contra os mariñeiros do cerco, levou o BNG a tentar promover unha reprobación formal de Juárez, isto é, unha votación que supuxese un xesto político de rexeitamento á súa xestión. Neste caso o PP nin sequera precisará votar en contra, senón que decidiu botar man da maioría absoluta antes do habitual para vetar a proposta na Xunta de Portavoces. Así, a reclamación do Bloque nin sequera chegará a ser debatida.

A reprobación de Samuel Juárez nin sequera poderá ser debatida

Ante esta manobra o voceiro da formación frontista na Cámara, Francisco Jorquera, avanza que o seu grupo estuda acudir ao Tribunal Constitucional para tentar obter "amparo ante a vulneración dos dereitos dos deputados e deputadas" que, ao seu xuízo, supón este veto. Os nacionalistas, di, están "indignados" con esta negativa, que en ningún caso colisiona co Regulamento parlamentario, como di o PP. Nesta mesma lexislatura, lembra Jorquera, "foron admitidas a trámite, debatidas, votadas e aprobadas" outras iniciativas que transcendían o ámbito da política autonómica, tales como "o rexeitamento da moción de censura do Valadouro" ou o desbloqueo do plan de transporte metropolitano de Vigo.

Nun escenario no que lamenta que Juárez poida "mandar sobre o Parlamento" galego, o nacionslita lembra que a reprobación baseábase tamén "nas actuacións do delegado contra o dereito de manifestación, o incremento dos expedientes sancionadores contra o dereito de libre expresión e reunión" ou a "persecución de colectivos afectados polas preferentes e os desafiuzamentos". "O delirio", di, prodúcese "cando son denunciadas varias persoas por pintar na estrada Galiza Nación, pedir a documentación por repartir panfletos no entorno do estadio de Riazor ou chegar a afirmar que unha escisión de Resistencia Galega conta con 600 terroristas asalariados".

Feijóo apláudelle a Juárez nun acto institucional © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.