O PP, contra todos na defensa das deputacións

Jorquera, durante a defensa da proposición de lei CC-BY-NC-SA BNG

Nin tomada en consideración. Como era de agardar, a proposición de lei coa que o BNG quería iniciar o camiño da fin das deputacións descarrilou nos primeiros metros do seu trámite parlamentario. Fíxoo ao bater coa maioría absoluta do PP, aínda que desta volta só contra ela. Ao contrario do que acontecera noutras ocasións, desta volta os conservadores ficaron sós na defensa das institucións provinciais. Onde o Bloque ve unha "ferramenta para consolidar o clientelismo e o caciquismo" o PP observa a "garantía dun nivel mínimo de prestación de servizos" nos pequenos concellos. Quen as utiliza "con fins partidistas", di a voceira popular, Paula Prado, son o resto de formacións políticas.

Os populares enviaron a unha das súas parlamentarias de discurso máis duro para argumentar agora que "socialistas e nacionalistas apoian agora a supresión definitiva das deputacións" -AGE tamén a apoia- porque "perderon case todas as que gobernaban en España". "Fan política a golpe de escrutinio", acusa, aínda que tamén admite que o propio BNG xa defendeu unha iniciativa semellante en maio de 2010, aínda que con certos "cambios" na súa exposición de motivos. Pero, ao seu xuízo, o verdadeiro "cambio" está en que "houbo unhas eleccións municipais" en 2011 e outras autonómicas en 2012, "nas que o BNG levaba no seu programa eliminar as deputacións e agora teñen a metade de representación da que tiñan antes de facer esa proposta -os nacionalistas tiñan 12 escanos e agora, sete-".

O PP ve nas deputacións unha "garantía de servizos" públicos e o BNG, unha "ferramenta para consolidar o caciquismo"

En síntese, para o PP o descrédito das deputacións é "un debate artificial, que non está na rúa" e a iniciativa nacionalista só procura apropiarse de competencias da lexislación básica do Estado, agora tamén co apoio dun PSdeG sen "modelo de arquitectura institucional" e por iso frea ás primeiras de cambio unha iniciativa coa que, di o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, se dotaría de "máis recursos aos concellos, que son a institucións máis próximas aos cidadáns" con "pasos cara á desaparición dunhas institucións obsoletas" e "caducas".

"Son eficaces unhas institucións que destinan gran parte do orzamento a gasto corrente? Son eficaces administracións que apenas teñen capacidade de xeración de ingresos?", pregúntase Jorquera, que malia ser consciente de que a desaparición definitiva require unha reforma da Constitución, reclama poñer o "primeiro chanzo para a reforma da administración local de Galiza", na que deben desaparecer fenómenos como a Deputación de Ourense, no que o "80%" do orzamento é "para manter o propio tinglado mentres o PP se dedica a enchufar os seus amigos". A clave, di, é elixir entre un modelo administrativo "alleo a Galiza" e "unha ruptura democrática cun proceso constituínte en Galiza que dote ao pobo galego de soberanía con capacidade para decidir sobre os seus asuntos e a  súa relación cos outros pobos".

Apoio de PSdeG e AGE

Sestayo: "É normal que todos os temas de transcendencai sexa posible debatelos con profundidade"

Fronte ao rexeitamento frontal do PP pola banda socialista o PSdeG apoiou a proposición do BNG "por coherencia co xa manifestado no Congreso dos Deputados" pero tamén "por democracia", en verbas da deputada Beatriz Sestayo. "É normal que todos os temas de transcendencia para este pobo sexa posible debatelos con profundidade" e non bloquealos cunha "utilización perversa da maioría". O debate suscitado polo BNG é "oportuno", afirma a parlamentaria socialista, porque o PP está a "acometer unha reforma" local "contraria a todo o que debería aspirar calquera sociedade democrática", unha das "reformas máis reaccionarias da historia da democracia" que mesmo contradí o que o PP apoiou durante a elaboración da frustrada reforma estatutaria, cando todos os grupos "estábamos abertos á modificación e supresión das deputacións". Pero aquel plan foi "boicoteado polo actual presidente ausente", en referencia a Feijóo.

Díaz coida que a iniciativa podería frear "o caciquismo e as corruptelas" 

Tameń a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, amosou a súa concordancia co proxecto, por opoñerse á "recentralización" que, di, impulsa o PP, ademais de procurar frear "o caciquismo e as corruptelas". Se o "obxectivo real" do PP fose racionalizar o gasto público "deberían empezar podando a Administración polas deputacións, que non serven para nada máis que para seguir enredando e facendo negocio o PP". A posición dos conservadores só obedece á pretensión de "garantir un sistema clientelar e corrupto", maís aínda porque, ao tempo, pretender reducir o Parlamento. "Empecen polas deputacións, que teñen bastante traballo que facer -insta Díaz- e non metan a tesoira no único órgano formalmente democrático". Finalmente, un grupo contra tres e 41 votos contra 34.

Jorquera, durante a defensa da proposición de lei CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.