O PP cre que criticar a suba das listas de espera é "xogar coa saúde dos galegos"

Profesionais da cirurxía dun hospital galego © Sergas

É un dos debates máis recorrentes dos procesos electorais galegos e desta volta, aínda que se cadra un chisco oculto baixo a economía, volve estar sobre a mesa. As críticas sobre as listas de espera da sanidade pública e as promesas para rebaixalas son todo un clásico de campaña que este luns retornou da man da serie #feijóomentirán, a montaxe audiovisual promovida polo BNG para expoñer os "incumprimentos" que, din os nacionalistas, caracterizaron o Goberno de Alberto Núñez Feijóo dende 2009. "Na campaña de 2009 Feijóo comprometeuse co pobo galego" a que "a lista de agarda máxima para unha proba diagnóstica sería de 45 días e de 60 para ser operado", lembra o Bloque. As críticas foron retrucadas horas despois con dureza dende as filas conservadores. O BNG está a "xogar coa saúde dos galegos", sentencia o voceiro popular en materia sanitaria, Miguel Santalices.

Aínda que os propios datos do Servizo Galego de Saúde amosan unha suba media dun 20% no tempo de espera cirúrxica entre 2009 e 2012, cuns 80 días fronte aos algo menos de 70 de hai tres anos, Santalices asegura que o Goberno de Feijóo "cumpriu os seus compromisos en materia sanitaria segundo se recolle nas estatísticas oficiais" e, polo tanto, o BNG non debería facer máis que "recoñecelo". "Parece que lles molesta que os galegos gocen hoxe dunha sanidade moito mellor que a que deixaron co Goberno bipartito", afirma.

Botando man dos datos de xuño Santalices asegura que a "media global de espera cirúrxica nos centros da rede do Sergas" era a finais de xuño de "59,5 días, é dicir, mellor dende o ano 2005". Se ben esa cifra é certa non o é menos que é a resultante de medir a rede do Sergas en sentido estrito, isto é, sen o hospital vigués Povisa, de titularidade privada pero ao que unhas 100.000 persoas teñen como hospital de referencia, en virtude dun convenio coa Xunta. Unha vez sumados os datos desa empresa sanitaria, que arrastra unha demora media de máis de seis meses, o resultado son os devanditos 80 días.

O PP alude aos datos das listas de espera sen Povisa, ao que están adscritas unhas 100.000 persoas dependentes do Sergas

Neste contexto o BNG lembra tamén que o PP non culminou o seu compromiso de "aprobar unha lei de garantías sanitarias", para que os límites de agarda fosen unha obriga legal, e ademais "aplicou o copagamento sanitario que obriga a 730.000 pensionistas galegos a pagar os medicamentos" malia dispoñeren das "pensións máis baixas do Estado". Neste sentido, Santalices desculpa a non aprobación da lei co feito de que non rematou o trámite parlamentario polo "adianto das eleccións". "Será unha das primeiras medidas en materia sanitaria que abordaremos na vindeira lexislatura", promete, antes de asegurar que quen instaurou o "copagamento" foi o bipartito, ao instaurar unha central telefónica para a xestión das citas no Sergas -un número 902- que obrigaba a que os pacientes gastasen cartos.

Pachi Vázquez: "A dereita ve na sanidade un elemento de ingresos"

Tamén o PSdeG abordaba este luns a materia sanitaria. No marco dunha visita á comarca de Lemos e tras reunirse con representantes de SOS Sanidade Pública o candidato socialista á Xunta, Pachi Vázquez, sinalou que, de chegar ao Goberno, o seu obxectivo será o mantemento da sanidade pública como "universal, gratuíta e de calidade", no canto de "cobrar polos medicamentos, reducir prestacións e persoal sanitario", camiño no que, di, avanzan "as políticas de Feijóo e Rajoy". "A dereita ve na sanidade un elemento de ingresos", critica Vázquez, quen ve na comarca de Lemos unha das mellores mostras do xeito en que a "insensibilidade de Feijóo golpea" a sanidade.

Feijóo dialoga co deputado Miguel Santalices © Conchi Paz
Vázquez, con Besteiro e candidatos do PSdeG, na Ribeira Sacra CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.