En 1999 o PP de Manuel Fraga gozaba en Galicia dunha prácida maioría absoluta, revalidada dous anos antes. Na primavera dese ano as eleccións municipais mudáronlle o xesto ao patriarca da dereita xa que, malia manter un abafante dominio no que atinxe ao número de concellos gobernados, tras o paso polas urnas só unha das sete cidades galegas, Ourense, ergueu o bastón de mando un alcalde popular. Algo semellante aconteceu en 2003 e tamén en 2007, ano no que os conservadores pasaron á oposición nas sete grandes cidades do país. Na maior parte dos casos, o goberno municipal estaba sustentado nun goberno de coalición.
Estes resultados electorais na fin do fraguismo e nos anos inmediatamente posteriores foron, posiblemente, os primeiros que enervaron especialmente os populares contra os bipartitos, que pasaron a controlar múltiples municipios e dúas deputacións. O entendemento entre as forzas que daquela formaban a oposición parlamentaria, PSdeG e BNG, non só permitían presentarlle de xeito máis doado á cidadanía un modelo de goberno alternativo ao do PP, senón que lle arrebataban notables parcelas de poder local nas cidades e vilas medias. Foi neste punto cando, xa con Alberto Núñez Feijóo á fronte, comezaron a axitar a bandeira dunha reforma electoral que deixe fóra da lei os gobernos de coalición, especialmente nos concellos. Este luns o seu líder en Pontevedra, Rafael Louzán, desempoou esa reclamación.
Louzán augura que Rajoy impulsará unha reforma electoral para impedir as coalicións
Cando resta ano e medio para as vindeiras municipais e mentres crece o descontento cidadán pola crise e os recortes o presidente da deputación pontevedresa aproveitou un almorzo informativo en Santiago para augurar que o Goberno central atenderá esta reclamación contra o remate da lexislatura no Estado. Para Louzán, é "imprescindible" realizar unha promesa que o propio Mariano Rajoy chegou a realizar nun mitin na praza de touros de Pontevedra. Por que? Porque así "quen gana as eleccións goberna" e "os que perden permanecen na oposición".
Como adoita facer Alberto Núñez Feijóo ao abordar esta cuestión Louzán obvia elementos básicos da actual lexislación, como que os alcaldes, alcaldesas, presidentes e presidentas, non son elixidos pola cidadanía directamente, senón pola maioría de edís dun concello ou de deputados e deputadas dun Parlamento. É "urxente" que as coalicións fiquen fóra da lei porque só así "os que perden as eleccións" deixarán de "estar nos gobernos", insiste o mesmo dirixente a quen, durante anos, se lle atribuíu o impulso de numerosas mocións de censura en concellos da súa provincia.
Matices no PP, rexeitamento no BNG
Pouco despois de que Louzán amosase no Hostal dos Reis Católicos o seu convencemento sobre unha inminente reforma electoral o voceiro do PP no Parlamento, Pedro Puy, matizaba o entusiasmo do pontevedrés, cuxas verbas circunscribiu a unha "opinión persoal". A Puy parécelle "razoable" que os concellos estean gobernados pola lista máis votada e advirte de que en países como Portugal xa funciona un sistema coma este. Non obstante, alén do mundo local o popular cre que o "sistema vixente" é o axeitado.
Vence: "A democracia debe prevalecer"
Tamén o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, saía ao paso da resurrección desta iniciativa para lamentar que a "vontade" do PP sexa "retorcer a Constitución e darlle a volta ao sistema electoral español dun xeito totalmente antidemocrático". Para o líder nacionalista "os gobernos deben ser elixidos polos parlamentos en función da representación e coalicións que poidan formarse", porque "a democracia debe prevalecer", argumenta.