O PP estrea a lexislatura con veto ás comparecencias de Feijóo e Beatriz Mato

Feijóo, no seu escano rodeado de conselleiros © Parlamento de Galicia

Muda a lexislatura pero non os costumes. A Xunta de Portavoces do Parlamento reuniuse este martes para ordenar os contidos do primeiro pleno ordinario do noveno período lexislativo da autonomía e o grupo maioritario da Cámara, o PP, estreou a súa reforzada maioría absoluta librando o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, e mais á conselleira de Traballo, Beatriz Mato, de ir dar explicacións ante os deputados e deputadas. Reclamárao o PSdeG, por unha banda, e AGE e BNG, pola outra. E a resposta dos conservadores foi negativa en ambos casos.

A intención socialista era que o presidente dese conta da súa visión e xestións sobre o futuro de Novagalicia Banco, especialmente crítico despois de que o Banco de España manifestase que o seu destino máis probable vai ser a venda ou liquidación. Ademais, explica o voceiro do PSdeG, Abel Losada, tentaron que Feijóo abordase cal ía ser a posición de Galicia ante a "regresiva e protofranquista" reforma educativa que impulsa o Goberno central. Pero esas comparecencias non se producirán e, polo tanto, o xefe do Goberno galego acumulará dous anos e cinco meses sen comparecer no Parlamento máis alá das sesións ás que está obrigado.

Feijóo non comparece á marxe das sesións obrigatorias dende xullo de 2010

Algo semellante lle acontece á titular de Traballo, no seu caso reclamada conxuntamente por AGE e BNG -para poder pedir unha comparecencia cómpre que o fagan, cando menos, 15 deputados e deputadas-. Os grupos liderados por Xosé Manuel Beiras e Francisco Jorquera esixían explicacións do Goberno galego polo incremento do paro e a petición foi obviada. "Moi mala maneira de comezar", di Jorquera, ao explicar que o "argumento" ofrecido polos conservadores foi que o Goberno "xa ten tramitada a súa propia solicitude" para que os conselleiros e conselleiras "expliquen as liñas xerais" de cadanseu departamento. Aínda que iso, subliña, non aconterá ata febreiro.

Tamén Beiras ve un mal sinal neste xeito de proceder. "Este Parlamento leva camiño de retroceder 100 anos na historia parlamentaria de Europa" ata "converterse no do II Reich ou na Duma do tempo do tsarismo", ilustra. O PP, di, tenta que a Cámara galega sexa "consultiva, sen capacidade decisoria", e que nela o Goberno "compareza cando lle peta". "O príncipe decide cando informa aos súbditos", acrecenta.

Beiras: "Este Parlamento leva camiño de retroceder cen anos, o príncipe decide cando informa aos súbditos"

Mentres isto acontece, o voceiro do PP lamenta que ningún dos tres grupos da oposición conceda os "cen días de cortesía", tampouco para ter en conta que o presidente xa "respondeu a todas as cuestións" no debate de investidura e que o resto do goberno "vén de tomar posesión". Ademais, di, en xaneiro comezan a tramitarse os Orzamentos, polo que non considera axeitado que se producisen as comparecencias solicitadas. O que non poderá evitar o grupo conservador, non obstante, é que PSdeG, AGE e BNG formulen as súas preguntas na sesión de control. Nela Pachi Vázquez e Beiras cuestionarán o xefe do Executivo sobre os datos do paro e Jorquera, sobre se ten pensado mudar a súa política lingüística "etnocida e lingüicida" tras as sentenzas do TSXG sobre o denominado decreto do plurilingüismo.

Feijóo, no seu escano rodeado de conselleiros © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.