Xunto á vitoria en votos de Ciudadanos e á suma da maioría absoluta por parte do independentismo, o outro gran titular da noite electoral catalá neste 21D foi o duro golpe sufrido polo PP, que pasou de 11 a 3 escanos e de case o 8,5% dos votos a pouco máis do 4,20%. O devalo dos de Xavier García Albiol sería aínda maior no hipotético caso de que, no canto de se rexer pola Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREX), Catalunya tivese normativa electoral propia, como Galicia, e imitase tamén as regras galegas no que atinxe ao limiar para obter representación. Cunha norma como a lei de eleccións ao Parlamento de Galicia, os populares ficarían fóra do lexislativo catalán.
Na primeira década da autonomía galega os procesos electorais estiveron rexidos primeiro pola normativa estatal e despois, por unha lei de eleccións amplamente consensuada que fixaba o devandito limiar (LOREX), no 3% dos votos de cada circunscrición. No entanto, a finais de 1992 o PP de Manuel Fraga empregou a súa primeira maioría absoluta para mudar as regras do xogo antes de se someter a unha nova cita coas urnas. Coa intención declarada de poñer fin á "atomización ideolóxica" e aplicar unha "lóxica adaptación" do sistema ao "nivel de implantación social das forzas políticas", os conservadores elevaron a barreira do 3% ao 5%, onde permanece. Fixérono malia á oposición de todas as demais forzas políticas, en tensos debates nos que destacou a xa histórica imaxe de Xosé Manuel Beiras a bater cun zapato no taboleiro do seu escano.
Co limiar do 5% fixado polo PP de Manuel Fraga as forzas minoritarias do Parlament, PP e CUP, serían as máis prexudicadas; as maioritarias seríano aínda máis
Así, se as eleccións catalás se dirimisen coas regras galegas as forzas minoritarias do novo Parlament serían aínda máis prexudicadas no reparto de escanos a través do sistema d'Hondt. Ao non acadar o 5% en ningunha das catro provincias, o PP pasaría de 3 escanos a cero. A CUP, que neste 21D logrou 4 representantes, quedaría con só un, o que gañou por Girona. Mentres, o resto de forzas do lexislativo catalán verían reforzadas as súas posicións: Ciudadanos pasaría de 37 a 38 ao lograr un representante máis por Barcelona, circunscrición na que tamén sumaría un escano Junts per Catalunya. Esquerra, pola súa banda, pasaría de 32 a 34 escanos ao lograr dous máis en Barcelona e Catalunya en Comú, grazas á mesma circunscrición, ascendería de 8 a 9 no conxunto de Catalunya.
O que non variaría sería, no entanto, a correlación de forzas entre candidaturas partidarias e detractoras da independencia. Así, os escanos que non tería a CUP repartiríanse entre ERC e JxCat, polo que seguirían a sentar no Parlament 70 deputadas e deputados soberanistas.