O PP foxe do debate económico na 'resurrección' do recorte ao Parlamento

Feijóo, este luns en Vilalba © Xunta

Polo momento non hai ningunha iniciativa formal rexistrada no Parlamento. O único documento que circula ao respecto polo Pazo do Hórreo é a carta que o PP lles enviou aos tres grupos parlamentarios da oposición para "iniciar o debate da reforma da Lei Electoral", isto é, para instar a PSdeG, AGE e BNG a sumárense ao recorte de escanos, de 75 a 61, que os conservadores incluíron no seu programa electoral nas pasadas autonómicas. O "mandato electoral", e non o aforro, é precisamente o argumento ao que agora se aferra a formación que sustenta o Goberno para pasarlle a tesoira ao lexislativo, toda vez que a oposición xa puxo sobre a mesa alternativas para aforrar os mesmos cartos -algo máis dun millón de euros ao ano- sen reducir escanos.

Como con outras moitas medidas, o presidente da Xunta subliña que o seu plan, resucitado en plena polémica polas fotos co narcotraficante Marcial Dorado, é "coñecida" pola sociedade e "ratificada" nas urnas. "É a proposta que lle fixemos á xente e nos dixo que a tíñamos que aprobar". Fíxoo ademais de xeito "moi maioritario", insistiu este luns durante unha visita a unha escola infantil en Vilalba, onde considerou que reducir o número de deputados é un xeito de "responder as dificultades que está pasando moitísima xente" nesta "época de dificultade" económica.

Os conservadores argumentan o plan na necesidade de facer un "xesto" para "responder ás dificultades que está pasando moita xente"

Mentres, no propio Parlamento, o voceiro conservador, Pedro Puy, tamén pon o acento no "mandato electoral" a oposición prepárase para enfrontar o que consideran unha "cortina de fume" para tapar as fotos con Dorado, pero tamén, en palabras do socialista Abel Losada, unha "evidenica" dos "tics autoritarios da dereita", á que "lle molesta o papel de control e impulso do Parlamento". "Os socialistas non estaremos nin no fume nin no autoritarismo", advirte o voceiro do PSdeG, para quen o obxectivo último de Feijóo é "menoscabar o ámbito lexislativo e a representación popoular para que o Executivo poida ter as mans libres".

O PSdeG subliña que xa propuxo aforrar o mesmo pola vía da redución da masa salarial dos deputados e o PP rexeitouno

Neste contexto, para Losada o argumento primixenio dos populares, o aforro, carece xa de toda validez. O seu grupo, subliña, xa propuxo "aforrar o mesmo" pola vía da redución da "masa salarial" dos deputados e deputadas. Ademais, lembra, o propio Parlamento vén de devolerlle á Xunta 5,7 millóns de euros "que non gastou no ano pasado", en referencia ao remanente de tesouraría de exercicios económicos anteriores que o lexislativo lle reembolsou ao Goberno por decisión da Presidencia e acordo da Mesa. Pero Puy xa se apresura en responder que os cartos non son o único importante neste plan. Tamén, di, se trata de facer un "xesto" á sociedade en plena crise.

Tamén AGE e o BNG coinciden en ver esta iniciativa como unha proposta contra a "democracia" e non a prol do aforro. Así, pola banda de Alternativa o seu deputado Xabier Ron, subliña que o seu grupo defenderá "manter o número de deputados", se é necesario con menor gasto, para así "manter a pluralidade" da Cámara. Dende o Bloque a súa vicevoceira, Ana Pontón, cre que a actitude dos conservadores neste ámbito é "moi demagóxica", agora para tentar desenvolver a "segunda parte" do seu "acto fallido", en referencia ao amago de recortar o Parlamento nos derradeiro meses da pasada lexislatura. A formación frontista, advirte, non vai "entrar nese xogo". Malia todo, o PP asegura que a súa intención é chegar a un "acordo" para levar adiante unha proposta sustentada, polo momento, en pouco máis que declaracións.

Feijóo, este luns en Vilalba © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.