O PP impide que a comisión de igualdade do Parlamento trate a lei do aborto

A voceira do PP, nun intre do debate CC-BY-SA Praza Pública

O pasado 30 de outubro os catro grupos do Parlamento galego asinaban o acordo de constitución da comisión de estudo para a igualdade e para os dereitos das mulleres, un órgano non permanente que se vén creando lexislatura tras lexislatura co aval dun amplo consenso coma este. Unha vez creada, chegou o momento de artellar as correspondentes normas de funcionamento e plan de traballo. Inicialmente, a comisión foi creada con carácter monográfico para "facer avaliación da aplicación nos distintos ámbitos de competencias" das leis contra a violencia machista estatal e galega. Non obstante, en pleno trámite irrompeu a contrarreforma da lei do aborto lanzada polo Goberno central pero, a xuízo do PP, isto non debe mudar o roteiro previsto.

Este martes a comisión iniciou a súa actividade discutindo, precisamente, as achegas dos grupos parlamentarios ao plan previsto e toda a oposición coincidiu en que o traballo debería ir alén da violencia machista. "É verdade que había un motivo para centrarse na violencia", admite a voceira socialista, Carmen Acuña, recollendo, entre outras, as demandas da asociación Ve-la luz, que comparecerá na comisión. "Pero agora hai outro motivo fundamental para ampliar este campo e introducir o anteproxecto de lei contra o aborto; non tería sentido que mentres a maioría das mulleres e da sociedade están a falar deste tema, se cree unha comisión da muller na Cámara galega e o grupo maioritario o vete".

Adán advirte de que a lei vai supoñer unha "involución de décadas" nun tema "básico para os dereitos das mulleres"

"Esta comisión fala dos dereitos das mulleres, que son moito máis extensos que a análise da violencia de xénero", concorda a voceira do BNG, Carme Adán, para quen comisión debe "asumir o debate social" vinculado ao proxecto que abandeira Alberto Ruiz-Gallardón, toda vez que vai supoñer unha "involución de décadas" nun "tema básico para os dereitos das mulleres". "Consideramos importante que se estude a violencia de xénero, pero é prioritario que poidamos emitir un ditame a respecto da pretendida modificación do aborto". Na mesma liña, Consuelo Martínez, de AGE, advirte de que "a violencia machista é o último elo" das "políticas que permiten a discriminación salarial e no acceso aos postos de responsabilidade" ou que "impide" que as mulleres "exerzan a súa sexualidade dunha maneira libre e segura".

Veto conservador

Os argumentos da oposición non callaron na voceira do PP, Marta Rodríguez Vispo, quen asegura que o "espírito" do seu partido é o de "conseguir o apoio maioritario e, se puidese ser, o do 100% dos membros da comisión na toma de decisión", pero sen mover un centímetro a súa posición inicial. "Temos que rexeitar a ampliación do obxecto desta comisión" porque o da violencia de xénero é "un tema de suficiente importancia e merece un estudo monográfico, sen verse alterado por outro tipo de temas". Isto non implica que "nun momento determinado" a comisión non "poida decidir ampliar os seus traballos", pero iso non acontecerá agora.

Acuña: "Que vai pasar cando toque falar de agresións sexuais, tamén estará prohibido?"

"Que vai pasar cando toque falar de agresións sexuais" ás mulleres vítimas de violencia?, pregúntase Acuña. "Non poderemos falar disto, estará prohibido?". "Un aspecto fundamental dos dereitos das mulleres é a análise da lexislación a respecto da interrumpción voluntaria do embarazo", reiterou Adán. Pero o segundo intento non tivo éxito, tampouco a reclamación formulada polo PSdeG para suspender a comisión uns minutos e tentar chegar a un acordo co PP. "Se queren falar 10 minutos máis do tema fóra do micro non teño ningún problema, pero o resultado vai ser o centrado na violencia de xénero", advertiu a presidenta da comisión, Cristina Romero (PP) quen, asistida por un letrado parlamentario para poder aplicar o regulamento, aproveitou para acusar a PSdeG, AGE e BNG de "poñer trabas" á comisión. Finalmente, falarase dos dereitos das mulleres, pero cos límites fixados polo grupo que sustenta o Goberno. "Marca PP, nin igualdade nin democracia", remachou Acuña.

A presidenta da comisión (centro) diríxese á oposición CC-BY-SA Praza Pública
A voceira do PP, nun intre do debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.