O PP, inmóbil no recorte de escanos, abre a porta a negociar os mínimos por provincia

Xuntanza do PP con PSdeG e AGE CC-BY-SA Praza Pública

É unha das claves do asunto e o PP di agora estar disposto a negociar ao respecto. Aínda sen rexistrar documento ningún, o Grupo Popular convocou este xoves a PSdeG e AGE -o BNG xa adiantou que non asistiría- a unha xuntanza para presentar a súa proposta de reforma da Lei de Eleccións, que ten como piar esencial o recorte do número de escanos do Parlamento dende os actuais 75 ata 61, só un por riba do mínimo marcado polo Estatuto de Autonomía. Os conservadores permanecen inmóbiles na defensa do recorte pero agora semellan abrir a porta a discutir a posibilidade de rebaixar o mínimo de 10 escanos asignado a cada provincia, o factor que xa altera a representatividade da Cámara e que o faría aínda máis con menos escanos a repartir.

A oposición en pleno ten claro que non vai saír na foto do recorte á Cámara porque rebaixar escanos é a súa "liña vermella". Isto, non obstante, non impide que tenten pular por que a reforma que o PP está disposto a culminar en solitario altere o menos posible o voto cidadán, nun contexto no que, xa con 75 deputados, as circunscricións de Lugo e de Ourense, tradicionais celeiros de votos populares, están sobrerrepresentadas a respecto da Coruña e Pontevedra. "Estamos dispostos a falar de calquera posible incidencia que puidese ter" o recorte, di o voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, cuxa intención, di, é "despexar" as dúbidas a respecto dun intento do seu partido por ter "vantaxe electoral".

Puy di estar disposto a negociar pero Feijóo coida que as eleccións foron un "referendo" sobre a súa reforma

Neste contexto, o voceiro da dereita disponse a "informar" a dirección do partido para "tomar a decisión oportuna" pero "neste ambiente de consenso e diálogo" a súa formación está "receptiva". Non obstante, mentres Puy amosaba a luva de seda Alberto Núñez Feijóo facía o propio co puño de ferro dende o atril presidencial de San Caetano. Preguntado ao respecto tras a reunión semanal do Consello da Xunta, o presidente asegurou non poder "facerse responsable de partidos que non asumen o resultado das urnas" pero a "consulta" a respecto da redución de escanos "está evacuada" ao estar incluída no programa electoral do PP. As eleccións de outubro deben ter, neste caso, unha "consideración similar a un referendo" porque, segundo Feijóo, a poboación votou, "concretamente", que o Parlamento ten que ser "respectuoso coa situación económica que nos toca vivir". "Se os grupos consideran que tamén é un recorte entón, cómo é natural, é unha opinión que eu non comparto".

"Agresión ás minorías"

Á marxe da cordialidade reinante na xuntanza, ao remate da mesma tanto o PSdeG como AGE reiteraron que non se sumarán á reforma, dada a, en palabras de Xosé Manuel Beiras, "posición absolutamente irredutible" do PP a respecto da redución do escanos. A súa coalición non vai ser "comparsa dun proceso prefixado" e non está "disposta a participar nesta reforma" que, dende o seu punto de vista, "agrede as minorías", toda vez que "mantén o 5% para poder ter escanos". "Reduces escanos, segues coa regra d'Hondt e mantés o teito do 5%", resume, para explicar o que considera un ataque á representatividade da Cámara. Tampouco lle vale a Alternativa que "se fale de aforrar nuns cantos escanos" nun contexto no que "a corrupción está por todos lados" ou, por exemplo, se "multiplica por 10 a dotación estatal para material antidisturbios".

PSdeG e AGE advirten de que non van chegar a pacto ningún sobre o recorte

O aforro non é tampouco argumento válido para o grupo socialista cuxo voceiro, Abel Losada, reduce ese argumento do PP a unha "escusa de mal pagador". Como Beiras e o Bloque, Losada tamén coida que Feijóo procura "reducir o número" de escanos para "reducir a pluralidade" no Parlamento, nunha práctica xa realizada por Manuel Fraga que, lembra, "subiu" o limiar para acceder á representación "do 3% ao 5%" e así "evitar que grupos como Coalición Galega ou Esquerda Galega" obtivesen escanos. En calquera caso, Losada lamenta que o PP "comece por isto" a cumprir o seu programa electoral "e non polo emprego".

Xuntanza do PP con PSdeG e AGE CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.