O PP insiste en recortar o Parlamento e di non aceptar "chantaxes de minorías"

Feijóo, nunha sesión de control no Parlamento © Xoán Crespo

Reducirase o número de deputados no Parlamento galego antes da fin da lexislatura. Nesas segue o PP e a propia Xunta malia as duras críticas que oposición e expertos lanzan contra unha tesoirada que cualifican de "golpe de estado" ou "manobra electoral" e que será aprobada, agás milagre, sen consenso e grazas á maioría absoluta dos populares. O vicevoceiro desa formación na Cámara, Román Rodríguez, déixao claro: "Non aceptamos imposicións das minorías, nin chantaxes", asegurou este luns en referencia aos ofrecementos de PSdeG e BNG para estudar alternativas de aforro que non impliquen a eliminación de escanos.

"Non reducir deputados sería nviar unha mensaxe contraditoria e perversa aos cidadáns", di o PPdeG

Porque o PP di estar disposto a negociar, pero sempre que se cumpran as súas condicións. É dicir, sempre que se acabe reducindo o número de parlamentarios e, polo tanto, reducindo a pluralidade e primando electoralmente as provincias de Lugo e Ourense. Román Rodríguez asegurou que o PP está "disposto" a "sentar e negociar" co PSdeG sobre os "aforros" que se poidan levar a cabo no Parlamento, pero sempre "sen renunciar" a suprimir os 14 deputados previstos, pasando de 75 a 61. Non facelo sería, segundo o PP, "enviar unha mensaxe contraditoria e perversa aos cidadáns".

"Non podemos esixir esforzos á cidadanía pero, para nós, non facer nada ou aprazar o que hai que facer", argumentou Rodríguez, que asegura que o PP está disposto a negociar unha baixada do salario dos parlamentarios, pero sempre que esa medida sexa só unha complementaria á redución de deputados. Senón, di o vicevoceiro popular, aumentaría "o divorcio entre a sociedade e a política".

"Non é só polo aforro, é por enviar unha mensaxe moral significativa de que, nun momento excepcional, os políticos tamén fan un esforzo", insistiu Rodríguez, que tende a man ao PSdeG para un debate "construtivo e positivo", pero deixa fóra ao BNG por considerar que está "máis radicalizado".

Feijóo, nunha sesión de control no Parlamento © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.