O PP mantén o aval a Baltar para recuncar como líder provincial malia á investigación por suborno

Acto do PP en Ourense na campaña das xerais de 2011 © PP

José Manuel Baltar pode seguir contando co aval da dirección galega do PP para manterse como líder provincial ou, polo menos, non debe temer unha operación para derrubalo. Isto é, polo menos, o que cabe deducir das primeiras valoracións emanadas da cúpula galega dos conservadores tras a citación do barón ourensán como investigado -antiga imputación- no proceso iniciado coa denuncia da muller que o acusa de ofrecerlle un posto de traballo na Deputación a cambio de sexo.

Mentres no pleno do ente provincial,  o mesmo que reprobou formalmente o seu presidente o pasado novembro, toda a oposición esixía de novo a dimisión de Baltar -o PP non permitiu debater unha moción de urxencia ao respecto-, o secretario xeral do PPdeG e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificaba que a cúpula do partido non realizará movemento ningún. Seis anos despois de auspiciar unha fracasada operación para desbancar a familia Baltar do poder en Ourense, Rueda aférrase a que a Fiscalía xa expresou a súa intención de recorrer o auto de imputación.

A cúpula do PP galego aférrase ao recurso da Fiscalía para evitar promover a marcha do barón ourensán

Como xa sucedera ante outros casos de presunta corrupción, a cúpula do PP galego debuxa unha situación con "dúas decisións xudiciais contrapostas" para indicar que a súa opinión sobre Baltar "non" cambiou nos últimos días. O procedente, din, é distinguir a "situación xudicial" da "situación política" e "deixar" que o dirixente ourensán, así como a denunciante, tamén citada como investigada, "declaren cando teñan que declarar" e "ver o que di a Xustiza" respecto diso.

O prazo para formular candidaturas alternativas finaliza o día 5

Esa espera polas declaracións terá, se non hai cambios, unha consecuencia política en absoluto menor: a continuidade de José Manuel Baltar á fronte do partido na provincia. Isto sucede porque a próxima semana, o 5 de febreiro, péchase o prazo para presentar candidaturas alternativas á presidencia provincial. En caso de non rexistrarse ningunha, o titular da Deputación chegará ao congreso do 5 de marzo, cinco días antes da xornada na que está citado a declarar ante a xuíza, como único candidato ao liderado.

Petición de comparecencia de Feijóo

A renuncia da dirección conservadora a descabezar o líder dun dos seus principais celeiros de votos, fundamental para as eleccións galegas deste 2016, coincide coa petición de dous dos grupos da oposición no Parlamento, AGE e BNG, para que o presidente da Xunta ofreza explicacións. Ambas as formacións rexistraron unha petición de comparecencia para, unha vez máis, esixir que Feijóo se retrate neste caso.

"Feijóo non se pode inhibir como presidente do PP e da Xunta, debe esixir a súa dimisión e expulsión do partido, sinala o portavoz do Bloque, Francisco Jorquera. Dende Alternativa o seu vicevoceiro, Antón Sánchez, ve claro que Feijóo "xa non pode seguir agochándose dicindo que son casos illados, a corrupción no PP é un problema estrutural". O proceso xudicial, subliña, xa non serve "como escusa", polo que Feijóo "debe actuar de modo inmediato e contundente".

Acto do PP en Ourense na campaña das xerais de 2011 © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.