"Unha cousa é o que se pretende e outra o que se pode facer", "a Deus, o que é de Deus e ao César, o que é do César", ou "con pólvora do rei tira calquera". Son algunhas das afirmacións lanzadas polo voceiro do PP en materia cultural, Agustín Baamonde, para xustificar este venres o veto a unha iniciativa do PSdeG que, co apoio do BNG, reclamaba que a Xunta financiase a Real Academia Galega (RAG) cando menos cos mesmos fondos que os que dedica o Goberno central. O autor da iniciativa, o parlamentario socialista e académico correspondente Francisco Cerviño, lembra que a petición chega tras unha "rebaixa moi considerable" nas asignacións do Executivo galego á RAG, pasando de "convenios por 450.000 euros" en 2011 a 280.688 euros en 2012. Pero a argumentación non fixo virar a posición conservadora.
"É pouco lóxico que a RAG reciba máis do Estado que da Xunta", di Francisco Cerviño
Tampouco moveu o criterio dos deputados populares a, en opinión de Cerviño, "pouco lóxica" circunstancia de que a RAG vaia recibir "máis do Estado que da Xunta" xa que, lembra, tras unha intención inicial de recortarlle notablemente os fondos -incorrendo nun significativo agravio comparativo a respecto de Euskadi e Catalunya-, o trámite parlamentario dos Orzamentos Xerais do estado permitiu chegar aos 700.000 euros -un ano antes recibiu un millón-. "Agora sabemos que van ser 700.000 euros" os que cheguen dende Madrid, polo que "propoñemos igualar o orzamento que fixen as Cortes Xerais" ou, o que é o mesmo, que das arcas da Xunta saian uns 250.000 euros máis dos previstos para a institución académica.
"Compartimos as palabras arredor da importancia e da transcendencia do traballo da RAG, ninguén pon en cuestión esta circunstancia, e mesmo compartimos a evidente necesidade de que é necesario un soporte material que lle permita desenvolver ese nivel de actuación", asegurou Baamonde. A intención do PSdeG é "plausible" pero "de moi difícil plasmación práctica", mantén o conservador, tanto pola crise económica como por unha "cuestión puramente técnica", asegura. Mentres que a asignación do Estado se modificou porque os orzamentos aínda estaban a tramitarse, "no caso da Xunta o orzamento está absolutamente pechado". Por iso, expuxo, a única opción de pacto pasaba por aceptar unha emenda do PP que adiaba o incremento de fondos a "cando a situación económica o permita".
O PP apoia o seu rexeitamento na crise e en "cuestións puramente técnicas" dos Orzamentos da Xunta
"A crise serve para xustificar un roto e un descosido, é unha escusa perfecta", lamentou a voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, que tamén subliña que a imposibilidade de modificar os Orzamentos non se corresponde coa realidade. "Non sei se sabe que levamos cinco meses de ano e xa non queda nada do Orzamento que aprobou este Parlamento pola vía de decisións fóra do ámbito lexislativo", di, en referencia ás múltiples modificacións orzamentarias que xa foron aplicadas. "É unha mala argumentación e unha mala escusa", afirma, para non achegarlle 200.000 euros á RAG mentres, por exemplo se gastan cantidades "multimillonarias" en campañas publicitarias do Goberno galego.
Como era de agardar, o PSdeG non aceptou a emenda do PP. "Estamos a falar dunha cantidade" que é "pequena" pero que á RAG "lle suporía non ter que prescindir dalgúns dos programas que ten en marcha" como a elaboración do novo dicionario. Pero a Xunta, di, mesmo tenta facer facer "cousas asombrosas" como sumarlle á asignación de 2012 "150.000 euros atrasados do ano pasado" para "tentar dicir" que lle achega 500.000 euros. "Como ten dito o señor Ferrín, facendo ironía sobre as súas propias posición ideolóxicas, agora vai resultar que quen financia á RAG é o Estado imperialista español", zanxou Cerviño.