O PP oficializa no Parlamento a súa renuncia á Sogama do sur

Carteis contra a incineradora CC-BY-SA Adega

O 5 de decembro de 2011 a Xunta anunciaba que a coñecida como Sogama do sur xa tiña emprazamento. "O concello ourensán do Irixo acollerá a planta de tratamento que dará servizo aos concellos do sur de Galicia", oficializaba a consellería de Medio Ambiente, que abondaba explicando que "a empresa Estela Eólica vén de comunicar á Xunta que iniciará de inmediato a tramitación urbanística e ambiental para construír o complexo". O anuncio da Xunta era tamén o sinal de saída para unha importante mobilización veciñal, ecoloxista e tamén política, dos grupos da oposición e mesmo tamén dalgúns sectores do PP. A iniciativa da empresa promotora estaba intimamente ligada á súa participación no atribulado concurso eólico do Goberno galego e ficou frustrada. O pasado setembro o Goberno oficializaba a súa renuncia ao proxecto e agora faino o PP.

Un ano despois de negarse a rexeitar a nova Sogama nun pleno do Parlamento, agora é o propio PP quen tramita unha iniciativa neste sentido, coa forma dunha proposición non de lei que se tramitará na sesión plenaria da vindeira semana. Na exposición de motivos desta proposta os conservadores relatan que o Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020 contemplaba a posta en marcha dun complexo ambiental de tratamento de residuos sólidos urbanos no sur de Galicia, coa finalidade de desconxestionar o actual complexo de Sogama". "O concurso eólico impulsado pola Xunta -din- abriu a posibilidade de que as empresas adxudicatarias de concesións de explotacións de enerxía eólica presentase proxectos de desenvolvemento industrial". Estela Eólica, sinalan, "presentou unha iniciativa" para instalar a súa planta no Irixo.

A Xunta deu por segura a instalación da planta no Irixo en decembro de 2011, dando lugar a unha ampla oposición veciñal

Neste contexto, os populares obvian a oposición veciñal, entre outros factores, e ofrecen dous argumentos para a renuncia: os "reiterados incumprimentos da empresa" que motivaron un "expediente sancionador desde a Xunta" e os "recentes cambios no escenario enerxético", isto é, a supresión das primas ás enerxías renovables decididas polo Goberno central. Isto "levou ao anuncio por parte do Goberno autonómico da ampliación do actual complexo de Cerceda", isto é, de Sogama. Fronte á posición mantida hai un ano o PP di agora "concordar en que esta nova situación reforza a viabilidade do complexo de Cerceda" e "permite seguir apostando por unha xestión integrada dos residuos sólidos urbanos".

Así as cousas, os populares sacarán adiante a proposta para que o Parlamento "inste á Xunta a facer efectiva a modificación do Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos -a Xunta xa anunciou que o fara- coa finalidade de deixar sen efecto a previsión da construción dun complexo ambiental no sur de Galicia". A iniciativa obvia, non obstante, a posibilidade de artellar vías alternativas á incineración, como reclamaban as plataformas opostas á planta do Irixo e como tamén reclama a iniciativa lexislativa popular que agora se tramita na propia Cámara. Esa mesma ILP, impulsada por diversas organizacións cidadás e ecoloxistas, será presentada por membros da súa comisión promotora na conferencia Zero Waste, que se reúne en Bruxelas entre o 7 e o 8 deste mes. Convidados polo BNG e o grupo Verdes-Alianza Libre Europea, compartirán "experiencias" e "propostas para conseguir unha incineración cero".

Carteis contra a incineradora CC-BY-SA Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.