O PP ourensán rexeita o emprazamento da incineradora e deixa a Feijoo "en ridículo", segundo o PSOE

Protesta contra a incineradora do Irixo CC-BY-SA Praza Pública

A moción presentada polo Partido Socialista, que rexeita a intalación da planta no lugar previsto pola Xunta, foi aprobada por unanimidade de todos os grupos (PP, PSOE e BNG), aínda que os populares deixaron claro que apoian calquera outra localización e a súa instalación na provincia. Pola súa banda, socialistas e nacionalistas expresaron o rexeitamento "rotundo" á instalación do que cualifican como "macroincineradora" en calquera punto da provincia.

O encargado de intervir por parte dos populares foi o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, que no pleno do seu concello aprobou un acordo unánime de rexeitamento á actual localización moi semellante ao votado este venres na Deputación. Marnotes asegurou que no Caballiño "de entrada o que molesta" é "a localización actual" da planta. "Por desgraza isto vai por parroquias e nós temos que defender aos nosos veciños para que isto nolo aparten da localización que ten neste momento", dixo.

Pablo García sinalou que o PP de Ourense deixou a Feijóo “no mais absoluto dos ridículos”

Mentres, o secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, sinalou que o PP de Ourense deixou a Feijóo “no mais absoluto dos ridículos”. García afirmou que “mentres Feijóo pretendía reducir este debate a unha cuestión quilométrica, o PP de Ourense optou hoxe por desafiar ao presidente do seu partido e presidente do Goberno galego e apoiar unha moción na que se descarta o emprazamento da incineradora no Irixo proposto pola Xunta”.

O socialista asegurou, ademais, que “discrepancias deste calado son as que xustifican a decisións de Feijóo de aprazar o Congreso do PP ata despois das eleccións, co fin de evitar que se fagan visibles as diferencias, cada vez maiores, no seo do PP, e mais concretamente co PP de Ourense”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.