O PP planea minimizar os sindicatos nas negociacións de persoal da Xunta

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Os sindicatos, de novo no punto de mira dos plans encamiñados, a priori, a "racionalizar" a Administración. A crise económica é presentada dende hai meses como o marco perfecto para, dende determinadas latitudes ideolóxicas, pasarlles a tesoira aos dereitos, marxes de manobra e apoios institucionais ás organizacións que representan os traballadores e traballadoras. Con voces destacadas como a ex presidenta de Madrid, Esperanza Aguirre, ou o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, os gobernos do PP veñen prometendo e executando diversas medidas restritivas cara ás centrais sindicais, moitas delas acollidas cunha mestura de ledicia e novas esixencias dende a prensa máis conservadora. Isto aconteceu, por exemplo, coa redución dos coñecidos como liberados sindicais decretada polo Goberno central, que a Xunta fixo súa retallando 120 representantes, a maioría en educación. Esta semella ser a liña na que os populares pretenden afondar na Administración galega no caso de revalidaren a súa maioría absoluta, a xulgar polas súas propostas electorais.

A negociación das RPT é obrigatoria, en virtude do Estatuto Básico do Empregado Público

No tempo da mercadotecnia os programas electorais semellan, as máis das veces, ficar nun segundo plano. Así e todo, no caso das candidaturas encabezadas por Alberto Núñez Feijóo o programa permite, malia á súa vaguidade en determinados ámbitos, coñecer parte das intencións da formación. No caso concreto do papel dos sindicatos na Administración a vontade semella ser a de minimizar o papel da representación sindical á hora de negociar as Relacións de Postos de Traballo (RPT), isto é, o instrumento organizativo no que o goberno determina canto persoal, de que categoría e en que condicións hai en cada departamento da Xunta. Segundo consta no programa do PP a súa aposta é por "racionalizar a negociación sindical" das RPT e, para isto, introducirán "medidas para flexibilizar" estes contactos co obxectivo fundamental, din, de "acurtar os prazos para a súa aprobación".

Cal sería, polo tanto, a variación a respecto da situación actual? A normativa vixente xa non establece prazos concretos para este tipo de negociacións que, non obstante, si é obrigatorio celebrar, en virtude do establecido no Estatuto Básico do Empregado Público. Así as cousas, xa na actualidade que este tipo de contactos entre administración e sindicatos remate sen acordo non é impedimento para que o goberno de quenda organice o persoal como considere oportuno. Así as cousas, esa "flexibilidade" podería supoñer, por exemplo, que a Xunta impuxese algún tipo de límites temporais xerais ás negociacións, limitando polo tanto a capacidade de pacto e presión por parte dos sindicatos, que se verían forzados a responderen a ultimatos máis habitualmente.

Concursos de traslados 'exprés'

O PP anuncia que vai "redimensionar e axustar as plantillas" da Xunta

Non é esta a única reforma que o PP prevé aprobar no ámbito da función pública se logra controlar o goberno galego catro anos máis. A aludida "racionalización" serve tamén para crear unha nova figura. a dos "concursos de traslados abreviados". Segundo consta no propio programa "a rapidez dos cambios que se producen nas estruturas administrativas" provocan "a necesidade de ter persoal en unidades novas ou de diminuír persoal en unidades nas que diminúe moito a carga de traballo". Segundo os conservadores estes movementos, se se "realizan con rapidez e entre o persoal existente con carácter de voluntariedade" supoñen "un importante aforro". Polo tanto, anuncian, realizarán "concursos de traslados" exprés, "dirixidos á aquelas unidades nas que é necesario persoal" e "non con carácter xeral".

Neste contexto enmárcanse tamén outras dúas iniciativas programáticas: a "modificación dos procesos de selección de persoal" para que estas sexan "máis axeitadas ás necesidades da Administración", con medidas como "un novo decreto de listas", e outra que pode abrir a porta a futuras tesoiradas no cadro de traballadores e traballadoras ao servizo da Xunta. O PP, di, vai "optimizar, redimensionar e axustar as plantillas ao volume de traballo que soportan" porque cómpre "superar desequilibrios", explica o programa.

Feijóo, nun mitin de campaña na Coruña © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.