O PP recúa e libera as vítimas de violencia machista do pagamento de taxas xudiciais

Bancada do PP, con Rajoy en primeiro termo, nun intre do pleno © Goberno de España

"Haberá unha Xustiza para ricos e o pobre terá que axeonllarse". O presidente do Consello da Avogacía Galega, Antonio Platas, expresábase nestes termos hai apenas dúas semanas no marco dunha protesta contra as novas taxas xudiciais, o plan xa en vigor que grava notablemente o acceso á Xustiza e que, segundo todas as asociacións de avogados, xuíces e fiscais, pon en risco o dereito efectivo á tutela xudicial que marca a Constitución. Este martes no Congreso dos Deputados celebrábase unha votación a través da cal o PP tivo a oportunidade de aliviar o efecto destas taxas nun dos elos máis febles da cadea: as mulleres vítimas da violencia machista, a través dunha proposta do PSOE. Pero rexeitouno. Pero, vinte e catro horas despois, o máximo valedor das taxas, o ministro Alberto Ruiz-Gallardón, anunciaba a marcha atrás.

En resposta á deputada socialista Carmen Montón o ministro asegurou que o Goberno central aprobará "en breve" unha reforma da normativa que rexe a asistencia xurídica gratuíta, de tal xeito que as mulleres vítimas de violencia, así como os menores que sufrisen abusos ou maltrato, as persoas discapacitadas, as vítimas de trata e as persoas afectadas polo terrorismo non terán que pagar taxas e tampouco o custo do avogado ou do procurador. Ruiz-Gallardón aproveitou ademias para considerar "profundamente insolidaria" a petición do PSOE, xa que reclamaba a exención de taxas, que, di, só supoñen "o 10%" dos gastos que deben afrontar neste tipo de procesos.

Rexeitado vinte e catro horas antes

A rectificación chegaba despois de que, no mesmo pleno do Congreso, os conservadores tombasen a iniciativa da socialista Ángeles Álvarez encamiñada a aplicar "medidas de apoio aos fillos e fillas" das mulleres que sofren violencia, a iniciativa socialista reclamaba "declarar a exención obxectiva da taxa para a interposición de demanda e presentación de ulteriores recursos en todos os procedementos civís que se tramiten ante os Xulgados de Violencia sobre a Muller. Tratábase, polo tanto, de que as mulleres que se atopan nesta situación non só non teñan que pagar por denunciar o seu agresor -os procedementos penais xa están exentos-, senón tampouco por divorciarse del.

Unha muller vítima de violencia machista que queira divorciarse do seu agresor ía ter que pagar ata 800 euros

"A Lei de Taxas Xudiciais no seu conxunto supón un atropelo aos dereitos fundamentais e á propia Constitución e por iso a recorreremos na súa totalidade", subliña a autora da proposición, para quen a "discriminación e indefensión para todos os cidadáns" que provocan as taxas de Ruiz-Gallardón son "particularmente" graves para as vítimas de violencia. "Non nos vale a parcialidade anunciada pola ministra", Ana Mato, "de excepcionar as mulleres con fillos menores", subliña a socialista, que se pregunta ademais se, en opinión do gabinete de Mariano Rajoy, as vidas das mulleres sen fillos "valen menos".

"Non nos pidan consenso para que soportemos recortes que porán en situación de risco ás mulleres e os seus fillos e fillas", advertiu Álvarez durante o debate, o que fixo especial fincapé en que a Administración non debe "converterse nun obstáculo máis no catálogo de dificultades que as mulleres atopan para saír da violencia". Así e todo, semella que finalmente ese obstáculo non existirá e, polo tanto, unha muller vítima de maltrato que queira divorciarse do seu agresor non que pagar 300 euros, se o proceso é de mutuo acordo, ou ata 800, se non é tal, tal e como prevía inicialmente o Goberno.

Bancada do PP, con Rajoy en primeiro termo, nun intre do pleno © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.