O PP resístese a que os deputados tributen por todo o soldo

Feijóo conversa con deputados do PP no Parlamento © Conchi Paz

Os libros de texto de balde, os centros Quérote, o Noitebús, o decreto do galego, as Galescolas, as Normas do Hábitat, os pactos territoriais de emprego... Estes foron algúns dos emblemas da xestión do Goberno de coalición de PSdeG e BNG na Xunta que o PP se apresurou en reformar ou eliminar nada máis chegar a San Caetano. Pero non todas as 'herdanzas recibidas' foron suprimidas coa mesma celeridade. Dos tempos nos que a maioría absoluta do Parlamento non estaba nas mans do PP a Presidencia da Cámara, dirixida pola socialista Dolores Villarino, aprobou o actual réxime económico dos deputados e deputadas que, como vén detallando este diario, deixa ata un 54% do salario libre de impostos. Máis de catro anos despois, os conservadores seguen a resistirse a mudalo por completo.

Aquel acordo, impulsado por Villarino pero aprobado por unanimidade, só conserva un dos seus tres valedores, o propio PP. Tanto os socialistas como o Bloque evidencian dende hai tempo o seu apoio a unha reforma destas normas para suprimir a "axuda de custo" que, por importe de 2587,39 euros, recibe cada membro do lexislativo en concepto de manutención e achega para desprazamentos. Do mesmo xeito, Alternativa Galega de Esquerda reitera que apoia tributar polo 100% do salario. Así o manifestaron de novo nas últimas horas mentres que o voceiro do PP, Pedro Puy, se limita a asegurar que no seu grupo parecerá "ben" o que propoña a presidenta, Pilar Rojo.

O plan pasaría por que arredor dunha cuarta parte do soldo permaneza libre de impostos aínda que a oposición apoia tributar por todo o cobrado

O certo é que, polo momento, os grupos non recibiron ningunha proposta formal, se cadra, ironizaba este martes o socialista Abel Losada, porque no PP cómpre aínda arranxar algunha "pingueira interna". Así e todo, nas súas edicións do mércores La Voz de Galicia e Faro de Vigo reflectían a proposta na que está a traballar Rojo. O plan non pasaría por que o 100% do soldo estea suxeito ao imposto sobre a renda, senón por reducir a cantidade libre de impostos a, aproximadamente, a metade. Así, algo menos de 1.300 sumaríanse aos 1942,95 que actualmente cobran en concepto de soldo base.

Se este proxecto recibe, finalmente, o visto e prace da dirección do PP a maioría dos deputados e deputadas pasarían a ter, aproximadamente, unha cuarta parte do salario non suxeita a impostos, o que implicaría, con todo, unha redución do salario líquido a respecto do que perciben actualmente. Non obstante, ao final do ano seguirían a ter una 15.000 euros cobrados completamente libres e apoiados, como ata agora, no artigo 16 da Lei do IRPF, que non considera "rendemento do traballo" a "parte" do salario que reciben os membros dos parlamentos para "gastos de vaixe e desprazamento".

O presidente, conselleiros e deputados do PP, na Cámara © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.