O PP rexeita cobrarlle impostos á Igrexa: pode "ofender a milleiros de galegos"

Díaz e Trenor, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

As comisións son, probablemente, as grandes esquecidas da vida parlamentaria. Son uns dos órganos nos que os grupos parlamentarios invisten máis tempo, tanto no debate e trámite de leis como no control ao Goberno na defensa de iniciativas de impulso. Este último labor foi o que centrou este mércores a reunión da comisión de economía do Parlamento e nela, entre outros asuntos, tratouse unha proposición coa que Alternativa Galega de Esquerda procuraba dous obxectivos: que a Xunta lle entregase á Cámara, "no prazo dun mes, a relación de todas as propiedades que en Galiza constan a nome da Igrexa católica" e que o propio Goberno "proceda a aplicar os tributos autonómicos sobre patrimonio a todas as propiedades da Igrexa na Galiza que non sexan especificamente lugares de culto".

Tratábase, sintetizaba durante o debate a vicevoceira de Alternativa, Yolanda Díaz, de poñerlle fin á "discriminación positiva" cara á institución católica, máis aínda cando unha modificación legal en tempos de Aznar lle permitiu á Igrexa inscribir bens no rexistro da propiedade "sen documentación que xustifiquen que son dela". Que a Igrexa non tribute ordinariamente en impostos como o IBI é "unha aberración en tempos de crise" que, segundo "cálculos absolutamente prudentes", está impedindo que os concellos ingresen uns "1.500 millóns de euros".

"Hai que axudalos, non botarlles unha man ao pescozo", di o voceiro do PP

A iniciativa obtivo o apoio tanto do PSdeG como do BNG, que estiveron de acordo no fondo da cuestión e subliñaron que, á marxe das organizacións católicas do ámbito social, a Igrexa debera tributar por propiedades nas que mesmo, nalgúns casos, chegan a desenvolver labor comercial. Foi neste punto no que chegou a intervención do voceiro do PP, Gonzalo Trenor, quen detectou "incompetencia" na proposta de AGE, toda vez que, por exemplo, a información que pide está "dispoñible nos rexistro da propiedade, que non son competencia da Xunta" e, ademais, algúns dos impostos dos que está exenta a Igrexa non dependen do Goberno galego. "A Xunta ten que aplicar os impostos nos termos en que está legalmente establecido".

Pero, á marxe destas cuestións, Trenor considera que, dado o labor social da Igrexa, habería que "axudalos, non botarlles unha man ao pescozo" xa que dela, di, dependen organizacións como "Mans Unidas ou a Domund -o Domund é unha xornada a prol das misións e non unha organización-". Ademais, que o Parlamento aprobase esta iniciativa podería, ao seu xuízo, "ofender a milleiros de galegos" que, afirma, as enquisas do CIS recollen que "se declaran católicos". Neste contexto o conservador tampouco comprende que o PSdeG e o BNG apoien a proposta. No caso socialista, porque alcaldes deste partido "non lexislaron -os concellos non teñen capacidade lexislativa- no seu ámbito" para que a Igrexa tribue. No caso do Bloque, porque "defenden as nosas tradicións e a nosa cultura" e "a Igrexa tamén está nesa defensa".

Díaz e Trenor, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.