O PP rexeita no Senado a regularización fiscal dos emigrantes que apoiou no Parlamento

Emigrantes retornados, nun aeroporto galego © Xunta

O grupo do PP no Senado, incluídos os 14 representantes galegos, rexeitou este martes apoiar unha moción presentada polo PSOE na que se reclamaba ao Goberno regularizar a situación fiscal dos emigrantes retornados que están a ser multados desde este ano por Facenda ao non declarar as súas pensións do estranxeiro desde 2008, último exercicio non proscrito. Os populares votaron en contra da proposta presentada pola senadora galega Paula Fernández, malia que é case idéntica á petición unánime que o Parlamento galego (co apoio de todos os partidos) fixo hai un mes ao Executivo ao reclamar que "regularice a situación dos pensionistas", que deberían pagar os impostos que non pagaron, pero sen que sexan considerados defraudadores, ao descoñecer a obrigatoriedade de declarar, e sen ser sancionados.

O PP rexeitou a proposta que pedía a "regularización da situación fiscal dos pensionistas" sen que sexan considerados "defraudadores"

Na proposta presentada este martes, a socialista Paula Fernández solicitou ao Goberno "regularizar a situación dos pensionistas" e que paguen os impostos que non pagaron, pero "sen consideralos como defraudadores", ao considerar que a gran maioría deles "descoñecían que debían facelo". O PSOE propón que se lle dea solución a este "caos tributario", que se lle ofreza "o mesmo trato aos emigrantes que aos grandes defraudadores" e que se "limpe a imaxe dos afectados, evitando que os traten como delincuentes fiscais" e pechando os expedientes sancionadores abertos.

A parlamentaria do PSOE criticou a resposta do ministro Cristóbal Montoro á demanda "de centos de miles de afectados dun erro colectivo que o Ministerio tardou anos en atallar e que agora quere solucionar a base de multas". Paula Fernández Pena subliñou que o Ministerio tería que informar a este colectivo en 2008 de que facían mal as súas declaracións "e así non sería necesario agora, cinco anos despois, sancionalos". A senadora advertiu de que os pensionistas estanse a sentir "vítimas dunha estratexia recadatoria inmoral e miserable perfectamente planificada e destinada a facer caixa con sancións inxustas" e recriminou ao Goberno do PP "que trate mellor os amnistiados e grandes defraudadores que aos pensionistas retornados".

A proposta socialista exixe que os emigrantes paguen, pero sen que se lles apliquen sancións

Por todo, Paula Fernández Pena reclamou que se lle devolva a dignidade que lles foi arrebatada aos emigrantes retornados, que se recoñeza que o seu erro o foi tamén da propia Axencia Tributaria "e que sexan tratados baixo o cumprimento das leis pero con criterios interpretativos que a súa situación persoal, social, económica esixe". Ademais, pediu instar o Goberno a que desenvolva unha campaña informativa que lles aclare calquera dúbida de futuro, lles axude a corrixir a situación fiscal sabendo que non tiveron intención de defraudar, que non se inicie un expediente sancionador e que se peche de oficio os xa abertos sen distinción, dándolles facilidades de pago das súas obrigacións con máis prazos e sen intereses.

Na súa quenda de réplica, Paula Fernández lembrou a decisión adoptada polo Parlamento galego e lamentou que "nin un só senador galego do catorce cos que conta o PP na Cámara se preocupou por debater ou discutir esta cuestión". Tal e como lembrou a senadora socialista, Galicia é unha das comunidades con maior número de afectados, xa que poderían chegar aos 300.000, e criticou o silencio do portavoz do PP, o galego José Manuel Barreiro, que pasou a situación por riba e "limitouse a asinar unha emenda baleira de contido".

Terán que explicar en Galicia aos seus cidadáns porque votaron en contra desta proposta", dixo Paula Fernández

"Terán que explicar en Galicia aos seus cidadáns porque votaron en contra desta proposta, xa que non teñen argumentos agás o de seguir a liña que marca o PP", díxolle Fernández aos 14 senadores galegos do grupo popular, que respondeu acusando a senadora de artellar unha estratexia "para enfrontar, unha vez máis, a sociedade galega".

"Non foi posible consensuar unha proposta para que, como se fixo no Parlamento galego, se puidesen presentar ao Goberno unha serie de achegas que favorecesen a mellor aplicación da norma", manifestou o PP, que presentou unha emenda de substitución que nada achegaba á proposta socialista.

O PP acusou a senadora galega de "afán de protagonismo" e de "esquecerse do resto de emigrantes españois"

Para o voceiro de Seguridade Social do PP, José Blas, Paula Fernández "só buscou o enfrontamento cos senadores galegos". Ademais, cnesurou "o afán de protagonismo" da senadora e acusouna de "esquecerse do resto de emigrantes españois, como os andaluces, os estremeños ou os asturianos". "Deberían facer unha oposición máis construtiva e práctica", rematou.

Paula Fernández, senadora do PSdeG © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.