"O concello ourensán do Irixo acollerá a planta de tratamento que dará servizo aos concellos do sur de Galicia". Con esta concreción, o pasado 5 de decembro o Goberno galego anunciaba que a ruleta deixara de xirar e que a nova incineradora de lixo, a coñecida popularemente como Sogama do sur, iría parar ao Irixo. Menos de tres meses e moitas mobilizacións veciñais e ecoloxistas despois, o pasado venres o novo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, formuláballe o primeiro pulso formal á dirección autonómica do seu partido e apoiaba unha moción para rexeitar que a planta se instalase nese Concello, co alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, á fronte da protesta. Este martes o debate volvía ao Parlamento e o Grupo Parlamentario do PP quedou a medio camiño. Non deu en apoiar a moción presentada polo BNG para "rexeitar calquera proxecto para a ubicación dunha planta incineradora no Irixo", pero considerou que aínda é cedo para falar de lugares concretos. A incineradora pode estar no Irixo "ou en calquera outro lugar".
O encargado de escenificar a viraxe popular foi o seu voceiro en materia de medio ambiente, Daniel Varela, emprazado pola nacionalista Tareixa Paz a "aclarar" a súa posición ao respecto tanto a respecto da ubicación como do propio modelo de incineración, que o Bloque, di, rexeita por "antieconómico, antiecolóxico e contrario á saúde pública". Mentres, no exterior da Cámara, unha vintena de persoas amosaban o seu rexeitamento á planta, Varela pasaba a explicarse e, en boa medida, a contradicir as palabras pronunciadas en decembro polo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández.
O PP contradí agora o dito por Hernández e afirma que "a ubicación non está decidida"
Fronte ao anuncio formal, Varela asegura que "a ubicación non está decidida, non hai tomada ningunha decisión". O único que existe, di, é "a proposta dunha empresa -Estela Eólica- e un Concello que a ten aceptada -o do Irixo-". "Pero non lle corresponde nin a un Concello nin a unha empresa tomar a decisión, senón ao Goberno, que o fará atendendo ao interese xeral de Galicia, nunca a intereses privados nin partidarios", salienta. Neste contexto, asegura o parlamentario conservador que a Xunta examinará "todas as propostas que cheguen" e seleccionará a máis axeitada, que pode ir encamiñada ao Irixo ou a "calquera lugar de Galicia".
Pero o que para Varela é unha cuestión técnica, para o PSdeG é unha cuestión netamente partidaria. "Baltar power", resume ironicamente a socialista Carmen Gallego, que ve ao presidente da Xunta "recuando en toda regra" ante a presión do presidente ourensán. "Benvidos á non construción da incineradora no Concello do Irixo", avanza, para, a continuación, asegurar que a súa formación "traerá unha moción por cada concello" para evitar a construción da planta en calquera outro lugar. "E nos concellos vai haber máis dun baltar que nos axude a facelos entrar pola vía do razonamento".
Nun sentido semellante, a autora da moción dá tamén por descontado que o PP recuará, se ben o mérito coida que non é de Baltar, senón "dos galegos e galegas que se mobilizaron en contra da ubicación da incineradora e que obrigaron, por interese políticos particulares, a moitos persoeiros do PP a posicionarse en contra da incineradora". O Bloque, di, seguirá opoñéndose á queima do lixo tamén en calquera ubicación, circunstancia que impediu o acordo cos populares, dispostos a votar a moción se engadía un punto no que apoiase a instalación se cumpre o Plan de Residuos da Xunta. Segue a partida e, polo momento, semella que os opostos á incineración no Irixo van gañando.