O PP teima na reforma electoral 'exprés': as alternativas son agora demasiado "heteroxéneas"

Deputados da oposición, antes dun debate CC-BY-NC-SA AGE

O pasado 22 de xaneiro había exactamente 8 meses que o BNG rexistrara a súa alternativa á reforma de lei de eleccións do PP. Nesa mesma xornada, o PSdeG rexistraba unha iniciativa de seu. Aínda que con cadanseus matices e propostas adicionais, socialistas e nacionalistas coinciden na aposta por rebaixar os gastos do Parlamento sen minguar o número de escanos, na implantación de medidas como a rebaixa do limiar para obter representación do 5% ao 3% ou na obrigatoriedade dos debates electorais. AGE, pola súa banda, sinalaba que tamén traballa na súa proposta e cadraba con PSdeG e BNG na aposta por unha "fronte común" para frear o recorte. Naquela xornada os populares afirmaban a través da súa voceira, Paula Prado, que non podían negociar alternativa ningunha porque estas non existían. Apenas dúas semanas despois xa recoñecen a súa existencia, pero coidan que son "heteroxéneas" de máis.

Instalados na teimosía por pasarlle a tesoira ao lexislativo galego o máis rápido posible os conservadores introduciron a súa reforma electoral na orde do día do pleno da vindeira semana, o primeiro do novo período de sesións. Obviando as súas propias reclamacións do pasado, cando por boca do propio Alberto Núñez Feijóo esixían que a norma electoral non puidese ser reformada sen o apoio de, cando menos, dous terzos da Cámara -50 escanos-, este martes fixeron valer a súa maioría absoluta na Xunta de Portavoces non só para lanzar o trámite da súa reforma, senón tamén para facer frear en seco as alternativas que, segundo a versión do partido da dereita, non existían hai apenas dúas semanas.

O PP di agora que os demais grupos só pretenden "dilatar no tempo" a reforma electoral

Nomeadamente, os populares impediron crear a comisión que o PSdeG solicitaba para estudar unha reforma da lei electoral, baixo as premisas de que unha modificación deste tipo require un debate sosegado e de que "hai tempo", toda vez que os seus efectos non serán reais ata a vindeira lexislatura. A xuízo do voceiro do PP, Pedro Puy, o único que pretenden os socialistas en particular e a oposición en xeral é "dilatar no tempo" a aprobación do recorte. Alén disto, coida que a devandita proposta de comisión está "mal configurada" porque os temas propostos "non teñen que ver moito uns cos outros". O PSdeG alenta unha "manobra dilatoria" para "gañar tempo" pero o guión conservador non vai mudar en absoluto.

Unha "deriva autoritaria"

A velocidade de cruceiro que o PP leva no seu recorte e a negativa a abordar calquera plan alternativo é para o voceiro do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, unha nova mostra da "deriva autoritaria e nula vocación de diálogo" dos de Feijóo. Os populares, acusa, perpetran un "ataque contra a democracia" e afondan no seu "crecente desprezo ao Parlamento", chegando a "afogar calquera posibilidade de diálogo" aínda que, neste caso, o plan do PSdeG contase tamén co apoio de AGE e do BNG.

A oposición censura a "deriva autoritaria" do PP e lembra que propón reducir gastos sen recortar escanos

Lanzarlles críticas coma esta aos membros do PP é, a xuízo de Xosé Manuel Beiras, "como botarlles margaridas aos porcos" porque "fan caso omiso". O PP, lamenta o veterano nacionalista, disponse a executar un "atraco ao Parlamento e aos dereitos dos cidadáns" coa "frialdade dun verdugo". Neste contexto, Beiras bota man da retranca para especular coa posibilidade de que as ansias de "aforro" que, supostamente, inspiran a reforma, deban entrar en vigor inmediatamente. Para isto, evidencia, habería que "adiantar as eleccións".

Tamén o BNG lamenta que o grupo que sustenta o Executivo decidise "violar a norma" tácita de non modificar "as regras do xogo a instancia de parte" para configurar "unha lei electoral á súa medida". Así e todo e malia aos vetos, sinala Francisco Jorquera, na vindeira sesión plenaria debateranse dúas propostas, a do PP e a do Bloque, a de "recortar democracia e autogoberno" e a que rexeita o "falso argumento do aforro como coartada". "Todos os grupos da oposición xa propuxemos recortar o gasto do Parlamento de maneira equivalente á cantidade que suporía a redución de escanos", lembra.

Puy, en rolda de prensa © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.