Non houbo sorpresa. A proposición de lei coa que o BNG pretendía derrogar a lei de recortes ao persoal público e suplir o aforro que segundo a Xunta vai producir -80 millóns de euros- cun paquete de medidas alternativas bateu na maioría absoluta do PP. Tratábase de deixar en suspenso a redución de xornadas para os traballadores interinos ou o recorte nas remuneracións do funcionariado cando está de baixa por, por exemplo, a implantación xeral do software libre na Administración autonómica, a eliminación das cinco delegacións territoriais do Goberno galego, un recorte drástico en publicidade e propaganda ou unha suba do imposto sobre a renda para as rendas superiores a 100.000 euros. Unha proposta, resume o seu autor, Alfredo Suárez Canal, que "evidencia que se o que se quere é tocarlle ao gasto público hai que preservar as retribucións dos traballadores" e os seus "dereitos fundamentais". Porque o persoal público "asegura o funcionamento dos servizos públicos".
Dende o inicio da exposición do parlamentario nacionalista, sen o apoio de papel ningún, como adoita acontecer, as bancadas populares manifestaban o seu rexeitamento. O Bloque, explicaba, achegou á Cámara "un texto alternativo no que se di que, no canto de reducir gasto cercenando dereitos básicos", se recorte no "prescindíbel". Consciente de que os conservadores acudirían, como habitualmente, á referencia do bipartito, Suárez Canal xa advertiu que, "tres anos despois", non abonda con dicir "canto había antes" en partidas como o gasto en publicidade. O salientable, salienta, é que "hai un Goberno que recorta dereitos e salarios" ao seu persoal "cando segue habendo gasto prescindíbel". "En Cuba!", exclamaba o deputado popular Jaime Castiñeira dende o seu escano, en referencia á participación de Galicia na Feira do Libro da Habana durante o mandato do bipartito. Neste contexto, o voceiro do BNG mira directamente ao Goberno, en cuxos escanos non sentaba ninguén, para advertir de que medidas como este recorte non se poden atribuír só "á fatalidade da crise". "Todas as medidas teñen responsables directos".
Suárez Canal chama a non atribuír todos os recortes "á fatalidade da crise", porque "todas as medidas teñen responsables directos"
Recollendo o rebumbio que xa se xerara nas súas bancadas o voceiro do PP no debate, Antonio Rodríguez Miranda, combinou na súa intervención o reproche ao bipartito cunha pechada defensa dun recorte que, mantén, non supón reducir salarios aos traballadores públicos, aos que só se lles pide "un novo esforzo temporal" despois de ter "reducido xa máis de 15 millóns de euros no gasto corrente". Nesta liña, Miranda non ve posible atender as reivindicacións do BNG. Segundo o popular, os gastos de propaganda na Xunta xa están reducidos á "comunicación mínima e razoable para o mantemento dos dereitos dos cidadáns". En canto ao software libre, os nacionalistas simplemente "equivócanse", asegura, para despois evidenciar que "non é o mesmo software libre que software gratuíto". Segundo o parlamentario do PP "cando empezou esta lexislatura só o 40%" dos ordenadores da Xunta tiñan "algún aplicativo libre" e agora téñenos "o 90%". Non obstante, ao longo do mandato o Goberno galego seguíu a renovar con asiduidade licenzas de programas privativos con empresas como Microsoft.
"Necesitan sempre desviar a atención, como no rugby, patada a seguir", ironiza Suárez Canal. "Pode discutir o que queira", retrucoulle a Miranda, pero a lei recentemente aprobada supón "un recorte laboral aos traballadores", un "recorte de condicións pactadas", unha tesoirada no fondo de acción social do funcionariado e, ademais, unha redución das interinidades que repercutirá na prestación dos servizos públicos. Non evita o parlamentario nacionalista "conceder" que o actual Goberno reduciu gasto corrente. "Pero o que estamos debatendo" é que se aplican recortes aos traballadores mentres se manteñen "aínda en cifras elevadas" gastos como o de propaganda. Do mesmo xeito, di, resulta "escandaloso" que a Xunta se resista a subir o IRPF a quen cobre máis de 100.000 cando o propio PP está a aplicar unha medida semellante dende o Goberno central. "Lémbranme vostedes unha fermosa obra de teatro", a Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo. O autor, lembra, "presenta unha actuación do poder que pretende presentar como accidental un asasinato en toda regra". O PP, reprocha, "presenta como accidental un recorte sen precedentes no Estado do Benestar e nos servizos públicos".
Con esta base chegou a hora da votación e os 38 votos populares impuxéronse á suma dos 37 de nacionalistas e socialistas. A proposición de lei do BNG non foi tomada en consideración e, polo tanto, a lei de recortes segue en vigor.
- Lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia
- Alternativa do BNG