O PP tomba a lei de SOS Sanidade e repróchalle que non criticase o bipartito

SOS Sanidade Pública, no exterior do Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

A pasada lexislatura autonómica comezou co debate dunha iniciativa lexislativa popular. Era a promovida pola denominada Red Madre, unha plataforma auspiciada polo Foro Español de la Familia que pretendía aprobar unha "rede de apoio á muller embarazada" xestionada por esa organización antiabortista pero financiada con fondos públicos. A maioría absoluta do PP, daquela acabada de estrear, deulle luz verde á tramitación do texto e, posteriormente, á súa aprobación definitiva. Este martes o Parlamento acolleu o primeiro pleno da nova lexislatura e, de novo debateuse unha ILP. Quen a promovía era outra plataforma, SOS Sanidade Pública, e a maioría absoluta conservadora, agora ampliada, impediu xa non a súa aprobación, senón a súa tramitación.

Co presidente da Xunta ausente do seu escano e a conselleira de Sanidade chegando co debate xa mediado, o voceiro de SOS Sanidade, Manuel Martín, defendeu dende o atril de oradores preceptos que, con diversas formulacións, figuran ou figuraron en múltiples programas electorais de diversas formacións. A saber: "recuperar a sanidade pública como servizo universal, gratuíto de de calidade", "recuperar a xestión pública e directa" de todos o servizos do Sergas, "mellorar a capacidade resolutiva en atención primaria" e "promover" as áreas sanitarias que a Xunta está a reestruturar. A intención, explicou Martín, é que non se "introduzan os valores de mercado" na sanidade, porque iso implica "liquidala".

O voceiro de SOS Sanidade sinala que "introducir valores de mercado" na sanidade equivale a "liquidala"

Ás máis de 40.000 sinaturas que a plataforma xuntou para a súa ILP por todo o país engadíronse durante o pleno os tres grupos da oposición. O BNG, a través de Carlos Aymerich, apoiou a lei porque cómpre frear "as ofensivas de privatización" que, di, xa están a ser concretadas no Sergas, como "as iniciativas eufemisticamente chamadas de colaboración público-privada". Ademais, sinala o nacionalista, as reclamación de SOS Sanidade son aínda máis necesarias despois de que o PP xa "incrementase o copagamento".

Pola súa banda, a voceira de AGE na materia, Eva Solla, -que intervía en pleno por primeira vez-, remitiuse á súa propia experiencia como traballadora sanitaria para darlle soporte á ILP é preguntarlles aos conservadores se consideran "á xente parva", dado que as empresas privadas "actúan con ánimo de lucro", tamén na sanidade. "Sei de primeira man o que significa traballar na privada, que tende a recortar custos de material e de empregados e empregadas", nun contexto no que "a sanidade xa non é universal" e aínda o será menos despois de que se implante o "vergoñento" copagametno no transporte sanitario non urxente. "É a loita de clases pura e dura -resume-, o rico, que a pode pagar, terá asistenica e o pobre, como moito, terá beneficencia". O apoio á iniciativa chegou tamén da banda do PSdeG, que por boca da súa deputada Carmen Acuña reivindicou "o sistema sanitario que creamos nós mesmos" mentres censurou que o PP tente "desbaratar" a sanidade pública "reducíndolle os orzamentos alegando que é un desbalde".

A oposición en pleno apoiou a iniciativa lexislativa popular

Tras as mostras de adhesión chegou o agardado veto. O voceiro sanitario do PP, Miguel Santalices, "valora a profesionalidade" dos integrantes de SOS Sanidade, mesmo asegura "non ter interese en saber cal é a militancia" política dos membros da comisión promotora da ILP. O seu partido, asegura, mesmo comparte "a filosofía que recollen na súa exposición de motivos", pero non "as fórmulas de xestión". Os conservadores defenden a "colaboración" co sector privado e non o "demoniza". E non aproban a lei de SOS Sanidade porque "non é bo facer demagoxia nun terreo fértil" pero, ademais, porque "botou en falta" que "nos botasen unha man" nas reivindicacións do PP en tempos do bipartito. "Botei en falta que ninguén erguese o dedo". A presidenta ordenou a votación e a aritmética parlamentaria actuou. Mentres, Manuel Martín aseguraba que as reivindicacións do colectivo continuarán, tamén na rúa, onde permanecían membros de SOS Sanidade mentres se producía o debate no hemiciclo.

Manuel Martín, nun intre do pleno CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.