O PP urbano só tería a absoluta en Lugo e Santiago cos resultados do 21-O

Pleno do Concello de Santiago, un dos que recibiu a proposta © Concello de Santiago

A marea do PP non asolaga tanto as cidades. Menos de vinte e catro horas despois de que os conservadores galegos lograsen ensanchar a súa maioría absoluta no Parlamento malia perder 150.000 votos e mentres as forzas da ata agora oposición parlamentaria analizan as súas respectivas sangrías de sufraxios, unha análise máis detallada do escrutinio permite tirar conclusións diferentes. Este é, por exemplo, o caso da Galicia urbana. Coas evidentes diferenzas existentes entre unha convocatoria autonómica e outra local e tendo en conta ademais a variación que lle imprime ao mapa político galego a irrupción de Alternativa Galega de Esquerda, unha extrapolación directa dos resultados do 21-O a unhas eleccións municipais permite concluír que o PP só tería aseguradas dúas das sete cidades, as únicas nas que conseguiría maioría absoluta: Lugo e Santiago.

Unha translación dos resultados deste domingo ás sete cidades galegas revolucionaría notablemente o mapa político urbano de Galicia. Non en van, das dúas absolutas populares unha estaría no que vén sendo feudo socialista dende 1999, Lugo, onde o PSdeG -que actualmente goberna en coalición co BNG- perdería a metade dos seus 12 escanos. O PP sumaría un aos seus 13 edís, que lle permitirían gobernar, e o BNG ficaría coas súas actuais dúas actas. Onde manterían resultado os conservadores é en Compostela, onde os únicos cambios estarían na oposición. Alí continuaría un goberno do PP con 13 concelleiros, o PSdeG desplomaríase de 9 a 3, cedéndolle o posto de segunda forza política a AGE, con 6 edís. O Bloque, pola súa parte, cedería un edil e ficaría en 2.

Este virtual mapa político das cidades provocaría ademais que un dos pesos pesados do PP, Carlos Negreira, perdese unha das xoias da coroa de Alberto Núñez Feijóo. A maioría absoluta do PP da Coruña desaparecería e, no seu lugar, podería chegar unha coalición encabezada por AGE, con 6 edís. Seis concelleiros, aínda que menos votos, ten tamén o PSdeG -8 na actualidade- e o BNG, que conta con 4, quedaría en 2 -na corporación coruñesa Esquerda Unida ten un único representante dende 2011-. A outra alcaldía que cedería o PP sería a de Ferrol, Concello que gobernan con 13 concelleiros. Esa presenza popular no consistorio ferrolán pasaría a ser de 12 actas e a alternativa estaría neste caso liderada por 6 representantes do PSdeG -un menos que na actualidade-, seguidos por 5 de AGE -EU ten agora 2 edís- e dous do BNG.

As restantes cidades galegas poderían, como na actualidade, seguir tendo gobernos apoiados pola esquerda e o nacionalismo, aínda que con notables variacións na súa composición. Así, por exemplo, en Ourense habería lugar a unha unión de forzas con alcaldía do PSdeG -8 edís, 11 na actualidade- apoiada por 4 concelleiros de AGE e dous do BNG. O PP, que agora ten 11 concelleiros, gañaría un e Democracia Ourensana, que senta dous edís no pleno municipal, quedaría cun só representante. Tamén podería seguir habendo alcalde socialista en Vigo, se ben Abel Caballero deixaría polo camiño catro dos seus actuais 11 concelleiros e tería que pactar con AGE (6) e o BNG (3). O PP, pola súa banda, pasaría de 13 a 11. O outro gran titular dese eventual mapa local estaría en Pontevedra, onde o BNG empataría a cinco edís co PSdeG, pero tería menos votos. Neste caso, a alcaldía sería do PSdeG sempre fose apoiada polo propio Bloque e por AGE (4), mentres que o PP conservaría os seus actuais 11 concelleiros e concelleiras.

Perdas de apoio do PP

Estas extrapolacións son produto de perdas de apoio para o PP nalgunhas das cidades a respecto das anteriores eleccións autonómicas, onde precisamente o voto urbano foi unha das grandes fortalezas de Feijóo. Así, na Coruña e en Santiago os conservadores teñen catro puntos menos que en 2009. En Compostela, aínda que conservarían a maioría absoluta no consistorio, a porcentaxe de votos do PP pasa do 46,7% ao 43,4%. Destaca tamén a caída en Vigo, onde sería de sete puntos. En Pontevedra, pola súa banda, a caída foi do 44,9% ao 38,9%.

Na banda contraria sitúase Ferrol. Alí, aínda que non poderían conservar a alcaldía no caso de reproducírense os resultados das autonómicas, rexístrase un incremento de tres puntos no resultado dos populares a respecto de 2009. No caso de Ourense, o PP mellora algo menos dun punto a porcentaxe de apoio obtida en 209. Mentres, en Lugo o PP mantivo unha porcentaxe moi semellante á da anterior convocatoria autonómica.

  A Coruña Santiago Ferrol Vigo Pontevedra Lugo Ourense
PP 48.114 22.174 14.419 49.952 15.851 21.570 21.158
PSdeG 23.649 8.413 7.014 35.789 7.770 10.791 13.560
AGE 25.010 11.151 7.013 28.441 5.440 7.336 6.732
BNG 9.270 4.336 2.793 14.169 7.712 3.745 4.091

 

Extrapolación na Coruña CC-BY Praza Pública
Extrapolación en Lugo CC-BY-SA Praza Pública
Extrapolación en Ourense CC-BY-SA Praza Pública
Extrapolación en Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública
Extrapolación en Santiago CC-BY-SA Praza Pública
Extrapolación en Vigo CC-BY-SA Praza Pública
Extrapolación en Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.