Irrelevante. Como era de agardar, a implantación do voto rogado -obriga de solicitar expresamente a participación nos comicios- fixo caer a mínimos históricos a participacion nas eleccións autónomicas das persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA). Dos 30.524 electores que solicitaran a documentación só 12.954 completaron o trámite e destes un total de 6.374 foron para o PP, que vence na diáspora cun 49,2% dos votos emitidos e cun 96,05% de abstención.
No conxunto do país a segunda forza máis votada entre a emigración é o PSdeG, que logrou 3.870 apoios. Os socialistas ocupan tamén o segundo posto en todas as circunscricións mentres que o terceiro posto varía. Así, na Coruña e Pontevedra a terceira candidatura con máis apoios no exterior foi Alternativa Galega de Esquerda, con 270 e 201 votos. En Lugo o terceiro posto foi para o BNG, que logrou 83 sufraxios. Mentres, en Ourense, o partido de Mario Conde, Sociedad Civil y Democracia, acada este posto grazas aos seus 144 apoios.
AGE foi terceira forza na Coruña e Pontevedra, o BNG en Lugo e Mario Conde, en Ourense
Neste contexto, no cómputo global das catro circunscricións tras PP e PSdeG sitúase AGE, que obtivo 617 votos, e o BNG séguea de preto, con 603. Mentres, 1.490 votos procedentes da emigración foron parar a forzas políticas diferentes das que sentarán no Parlamento de Galicia os vindeiros catro anos.
A baixa participación e, polo tanto, a irrelevancia do voto CERA semella que se cinguirá unicamente a estas eleccións. Non en van, tanto o PP como o PSOE xa expresaron no Congreso dos Deputados a súa aposta por volver reformar a Lei Electoral -a actual versión entrou en vigor en 2011-, eliminando o voto rogado para así propiciar que a emigración volva participar. Para os comicios do 21-O o censo galego contaba xa con 397.382 emigrantes con dereito ao voto ou, o que é o mesmo, un 17% do total do corpo electoral de Galicia.