Primeiros malia ao gran afundimento. Se as eleccións xerais previstas para finais deste ano se celebrasen xa o PP de Mariano Rajoy obtería a primeira posición en votos e escanos malia acusar un enorme desgaste tras unha soa lexislatura no poder. É a principal conclusión que é posible tirar da edición de marzo d'O Mirante, o panorama electoral que elabora mensualmente o analista Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego, no que os conservadores retornan á cabeza da carreira electoral tras varios meses superados por Podemos.
A través da análise de todas os inquéritos publicados co método coñecido como house effects, que neutraliza os efectos da cociña de cada unha das casas de enquisas e toma un termo medio de cada un dos resultados, o PP quedaría tras o paso polas urnas co 26,6% dos votos, uns 18 puntos menos que no seu triunfo de 2011. No reparto de escanos no Congreso corresponderíanlle entre 113 e 120, lonxe da folgada maioría absoluta da que goza na actualidade, con 185 asentos na Cámara Baixa.
Os populares regresan á primeira posición por mor da perda de apoios pola banda de Podemos, un chisco máis intensa que na edición do estudo do mes de febreiro. Así e todo, os de Pablo Iglesias mantéñense nunha estimación de voto inédita para unha forza aínda extraparlamentaria, cun 24,6% dos sufraxios e arredor de 100 representantes no lexislativo. Esta estimación mantén a Podemos por diante do PSOE, agora cuns 21 puntos de voto estimado que suxiren que o partido liderado por Pedro Sánchez detivo a súa caída. Neste escenario os socialistas lograrían entre 82 e 90 escanos, entre 20 e 30 menos que os recadados en 2011.
Ciudadanos fagocita a Rosa Díez
O Mirante tamén reflicte nesta edición de marzo o medre nas expectativas de voto de Ciudadanos, que sería a cuarta forza política do Estado. Así e todo, advirte o estudo, este crecemento sería "moi inferior" ao amosado polas enquisas electorais publicadas en datas recentes polos medios do Grupo PRISA, El País e a Cadena SER. Os efectos caseiros aplicados polas empresas Metroscopia e MyWord, respectivamente, "sobrevaloran o voto para os de Albert Rivera dun xeito que se afasta estrañamente do resto de institutos demoscópicos", indica.
Os de Albert Rivera medran, pero moito menos do que amosan algunhas enquisas
Así e todo, esta formación política lograría unha entrada exitosa no Congreso, ao que accedería con entre 14 e 16 escanos grazas a case o 9% dos votos. Unha boa referencia para analizar a intensidade do crecemento de Ciudadanos pode ser observar a suma das estimacións de voto que este partido e mais UPyD obtiñan xusto despois das eleccións europeas. Daquela, indica o autor, ambos partidos sumaban 12,4% puntos, exactamente os mesmos que na actualidade, só que a balanza está a inclinarse cada vez máis cara aos de Rivera. Polo tanto, "pódese afirmar que o groso do crecemento de Ciudadanos dáse a custa do partido de Rosa Díez".
Mínimo de IU e un escano para o BNG
No que atinxe ao resto do actual arco parlamentario a tendencia é ao mantemento ou ao descenso. Así, Izquierda Unida logra manterse por riba de UPyD pero é superada por Ciudadanos e a súa estimación do 4,6% de voto levaría a coalición agora encabezada por Alberto Garzón a quedar con entre 2 e 4 escanos. No ámbito do soberanismo CiU segue por riba de ERC, aínda que ambas formacións obterían un resultado moi semellante tanto en votos como en escanos. Un resultado tamén parello en sufraxios sería o logrado en Euskadi polo PNV e EH-Bildu. Mentres, en Galicia, o BNG acusaría unha lixeira baixada, cun 0,5% do voto total que poría en risco un dos seus dous actuais escanos.
Estas estimacións e voto son o resultado da aplicación dun método que, tras os seus primeiros meses de andaina, conta agora cunha base de datos de enquisas máis ampla e un proceso de estimación máis fiable. Así as cousas, a foto fixa é máis precisa e as tendencias que se amosen no futuro serán máis sólidas.