O PP volve rexeitar e prometer a investigación sobre as caixas en xullo

Deputados da oposición, nunha Deputación Permanente CC-BY-SA Merixo

O debate e a comisión da marmota. Poucos levan xa a conta no Parlamento de Galicia das ocasións en que se debateu sobre a necesidade ou non de crear unha comisión de investigación sobre as antigas caixas de aforro dende que, o pasado outubro, se abordase por primeira vez en pleno da man do PSdeG, único dos dous grupos da oposición con deputados dabondo para realizar formal e directamente este tipo de solicitudes. Proposicións non de lei, mocións, propostas de resolución... socialistas e BNG esgotaron todas as figuras parlamentarias á súa disposición para tentar poñer a lupa sobre o que foron Caixa Galicia e Caixanova, a súa fusión, os seus xestores e as indemnizacións que estes levaron consigo. O PP mantén que a súa vontade é investigar pero este mércores volveu frear o inicio das indagacións.

O presidente da Xunta asegurou que a comisión se activaría "si ou si", lembra Losada

Desta volta o debate tivo como escenario a Deputación Permanente, isto é, o órgano que substitúe o pleno do Parlamento durante os períodos inhábiles. En uso das súas potestades regulamentarias o Grupo Socialista puxo sobre a mesa unha petición de sesión plenaria extraordinaria, cunha orde do día que incluía asuntos como unha comparecencia do presidente da Xunta para abordar a crise económica e os recortes, o debate das iniciativas cidadás sobre Preescolar na Casa e a sanidade pública e tamén a propia comisión das caixas. O 14 de xuño o presidente da Xunta "dixo que a comisión se crearía si ou si", lembrou o voceiro do PSdeG, Abel Losada, quen tamén recorda que o día 27 do mesmo mes Alberto Núñez Feijóo prometeu o inicio dos traballos no propio mes de xullo e "o venres fixo o anuncio da inmediata posta en marcha" da investigación".

Puy "garante" a celebración dun pleno en xullo para aprobar a investigación

Pero este mércores tampouco era o día para a aprobación, senón para un novo anuncio. "Teremos ocasión de falar nun pleno" da creación da comisión e tamén da situación económica xeral porque "tal é a vontade do grupo maioritario", di Pedro Puy quen, en todo caso, rexeita a "linguaxe de caza de bruxas" que, ao seu xuízo, emprega o PSdeG ao solicitar a investigación. "Non se trata de depurar", por ser esta "unha linguaxe propia de ideoloxías pretéritas", senón de "saber o que pasou, onde están as responsabilidades e onde houbo fallos". "Garántolle que teremos ocasión de celebrar un pleno no que se vai falar de finanzas públicas, do tema da caixas e da comisión de investigación", remachou.

Nunha sesión marcada polo anuncio dos recortes que á mesma hora realizaba Mariano Rajoy dende o Congreso dos Deputados a proposta socialista si tivo o voto favorable do BNG, quen non só considera "urxente" abordar a investigaicón, senón tamén que o Parlamento funcione, en xeral, con plena normalidade durante todo xullo, dada a "situación extraordinaria" que, di a súa voceira, Ana Pontón, está a vivir o país. A propia fusión das caixas ou a "estafa" das preferentes merecen, para a nacionalista, un traballo parlamentario ordinario e tamén unha comparecencia do presidente: "é o mínimo que se pode esixir nun sistema democrático".

Pero, á marxe da promesa de pór en marcha a comisión -o PP xa ten rexistrada a solicitude e réstalle activala- Puy rexeita acceder ás peticións do Bloque porque suporía, ao seu xuízo, prestarse a un "uso partidista da minoría" e concordar cunha visión seundo a cal "só se funciona democraticamente se se fai o que di o BNG". "Eu non veño aquí chorimicar por que o PSdeG non me consultou" para, por exemplo, solicitar a Deputación Permanente. "Teñen o número de deputados que teñen, eu non digo nada", abondou o popular.

Deputados da oposición, nunha Deputación Permanente CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.