O PP vota no mesmo día a favor e en contra de reverter a quita das preferentes

Jorquera conversa con afectados polas preferentes ante o Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Os 600 quilómetros que separan o Parlamento de Galicia do Congreso dos Deputados convertéronse este martes, de novo, nunha distancia política infinitamente maior para o grupo que ostenta a maioría absoluta en ambas cámaras. Os lexislativos galego e español abordaron, nas súas respectivas sesións plenarias, senllas proposicións do BNG para modificar a lei 9/2012, que incorporou ao ordenamento xurídico estatal as condicións do rescate bancario, e así permitir que as persoas estafadas coas participacións preferentes e outros produtos financeiros como as subordinadas poidan recuperar integramente os seus cartos. Tratábase, en definitiva, de deixar a salvo das quitas a quen foron enganados e enganadas. En Santiago o PP dixo concordar coa iniciativa dos nacionalistas e por iso votou a favor, dando lugar a unha aprobación por unanimidade. En Madrid deuse a situación oposta.

A posición do partido da dereita nas Cortes converteu en premonitorias as verbas do seu voceiro na Cámara galega, Pedro Puy, que durante o debate co Bloque anunciou o voto afirmativo "do PP no Parlamento de Galicia". Non do PP, en xenérico. Aceptar a proposición, argumentou Puy, supón un "chanzo máis na procura dun fin compartido: que o 100% dos enganados con preferentes recuperen o 100% dos seus aforros". Porque o PP, abonda, está "a favor dunha solución para que os enganados recuperen a totalidade dos seus aforros" e para isto "toda as vías son útiles, tanto a xudicial, como a arbitraxe, as denuncias da Fiscalía ou as xestións do Valedor do Pobo e a Defensora del Pueblo".

Con esta postura Puy viña apoiar unha rectificación do memorando que rexe o rescate bancario ao Estado español no cal, lembra o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, se "obriga a repercutir" nos afectados "o custo da reestruturación das entidades". No caso de que non se produza unha modificación legal os afectados "seguirán contribuíndo, á forza, a recapitalizar a entidade que os estafou", consumando unha "dobre expropiación, a que sufrimos os contribuíntes e a que sufrirán as ducias de miles de pequenos aforradores ás que se lles confisca unha parte dos seus aforros. "Conculcan principios constitucionais e invaden competencias autonómicas, todo para darlle cobertura" a un "atropelo" que, revela, lle afectou á súa propia familia, nomeadamente a unha conta de 600 euros do seu fillo, transformados en preferentes sen información previa.

O PP galego viu na iniciativa do BNG "un chanzo máis" para que as persoas enganadas recuperen os cartos, o PP estatal considéraa "redundante"

"A ver que fan agora" no Congreso, advertiu Jorquera, dirixíndose ao escano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "Actúen en consecuencia se están cos estafados", subliñou, para instar os conservadores a abandonar o "xogo de apariencias" que, ao seu xuízo, veñen protagonizando dende que o Goberno central impulsou as quitas. E o que fixeron foi exactamente o contrario. A través da deputada Matilde Asian os conservadores aseguran "non poder estar, senón de acordo" en que as persoas estafadas recuperen os seus cartos, "pero o PP vai votar que non". Por que? Porque é "redundante" coa lexislación do Estado e porque, ademais, "sería atrasar a arbitraxe" que, na súa opinión, xa garante que os estafados e estafadas "van recuperar todo o nominal". "Os preferentistas teñen a lei ao seu favor, o que cómpre e levalo a cabo e estase levando a cabo", asegura.

O BNG insta o PP a deixar o "xogo de apariencias" e decidir se "está cos estafados"

Entre acusacións de "usar a dor allea", Asian emendaba a postura dos seus compañeiros galegos e vetaba a toma en consideración da iniciativa que defendera Olaia Fernández Davila na defensa das "vítimas da estafa, da banca e do Goberno". "Esta mañá o PP, cos demais grupos da Cámara galega, votou favorablemente a esta iniciativa, non sería de recibo que pola tarde votase en contra" pero "as incongruencias do PP chegan a estes niveis", anticipaba a parlamentaria do BNG, quen subliña que a "responsabilidade" do acontecido está agora nas bancadas gobernamentais e non "nos aforradores", "vítimas fáciles das leis do Goberno" e das actuacións da banca, resume.

Apoio unánime da oposición

O voto contrario do PP á iniciativa do BNG foi o único tanto en Galicia como en Madrid. Nos dous hemiciclos a oposición en pleno agradeceu e apoiou unha iniciativa que, en verbas do voceiro do PSOE no Congreso, Antonio Hurtado, esixía "coherencia" do PP, cuxa posición "en Galicia foi unha clara rectificación despois dunha arbitraxe que foi un tongo electoral; decátanse de que non é unha solución e hai que acudir a outra vía". CiU, Izquierda Plural, o PNV, todo o Grupo Mixto e mesmo UPyD anunciaran o seu voto afirmativo á proposta do Bloque, que en Galicia obtivo tamén apoio de PSdeG e AGE. Para a socialista Carmen Gallego o Bloque non pide máis que "diferenciar entre pequenos aforradores e investidores" e, ao tempo, "solucionar o problema das persoas estafadas".

Na mesma liña, o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, parabeniza o Bloque pola súa proposición encamiñada a reverter a estafa perpetrada por "delincuentes". "O que teñen que facer como deputados é apoiar para que o diñeiro volva onde ten que estar", isto é, aos petos dos aforradores. Pero o PP, auguraba, está "a ser, simplemente, a última terminal da correa que sae de La Moncloa ou de El Pardo, que alí está a pantasma que goberna a mente do señor Rajoy". E agora, censura, os conservadores non reconducen o rumbo iniciado coas "aventuras demenciais en que se embarcaron as caixas de aforros".

Jorquera diríxese a Feijóo durante o debate CC-BY-NC-SA BNG
Fernández Davila defende a iniciativa no Congreso CC-BY-SA Praza Pública
Asian rexeita a iniciativa do BNG no Congreso CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.