O PPdeG acusa a oposición de "reivindicar o amor a Galicia dende o odio"

Tellado, este venres en rolda de prensa CC-BY-SA PPdeG

Hai semanas que o PPdeG ten en marcha a súa potente maquinaria electoral, tanto pública como internamente. Entre chamadas a rebaixar a "euforia" polos resultados das eleccións xerais -un apoio cidadán semellante non lles garantiría, a priori, a maioría absoluta no Parlamento de Galicia- os populares encadran tamén na axenda de precampaña o Día Nacional de Galicia, xornada na que por primeira vez, e obviando a súa denominación oficial, celebrarán tres días antes cun acto de partido anunciado este venres polo número dous de Alberto Núñez Feijóo. Poucas semanas despois de volver axitar a pantasma dunha suposta "imposición" do galego, Miguel Tellado avanzou os detalles do evento contrapoñendo a súa visión do país coa da oposición baseada, afirma, no "odio".

O histórico xardín botánico de Padrón é o escenario elixido para o mitin. Éo, di Tellado, porque coas súas árbores senlleiras poderán "simbolizar o enraizamento do partido coa nosa terra" e, ademais, a vila está inzada de "referencias literarias plurais" que, asegura, "nos identifican como partido que exerce un galeguismo integrador en lugar dun nacionalismo sectario". O "contraste" entre o PP e as demais forzas, debulla, será, precisamente, a cerna do evento protagonizado por Feijóo.

Tellado mantén que as "referencias literarias plurais" de Padrón "nos identifican como partido galeguista integrador" fronte ao "nacionalismo sectario"

Nese encontro, asegura, o PPdeG presentarse "fronte a partidos que reivindican o seu amor a Galicia dende o odio" e "desprezan as eleccións políticas da maioría social galega", ademais de "non aceptar a pluralidade ideolóxica, identitaria ou lingüística do país". Mentres, asegura sen mencionar ningunha formación en concreto, o PP "ve Galicia con orgullo, e por iso é o partido que máis se parece a ela" e di que Galicia "por moitos motivos, non é Castela nin é Madrid, pero o dicimos sen ter nada en contra de Castela nin de Madrid".

O PP asegura ser o partido que representa a "loita histórica do galeguismo"

Así as cousas, Tellado dá en encadrar o PPdeG na "loita histórica do galeguismo" que, asegura, consistiu en "ter institucións propias que se gobernen segundo decida o pobo galego". Pero "outros desprezan esas institucións cando o pobo galego decide o que queles queren", unha "actitude que en ningún caso pode ser galeguismo", proclama. No entanto, agrega, o que si é galeguista é a "defensa das institucións propias realizadas polo PP nesta lexislatura" como "manterse fóra da intervención económica do Goberno central" ata a "mellora da representatividade do poder lexislativo galego".

"Somos galeguistas porque cremos na sabedoría da sociedade tradicional galega, como facían Brañas ou Otero Pedrayo", conclúe Tellado mentres ataca ao "adanismo de quen cre que está inventando todo". O resto de forzas "desprezan as leccións dos nosos devanceiros" e o PP "cimenta nelas o noso futuro". Así se manifestará no mitin do xardín de Padrón e tamén na "tradicional ofrenda floral de Novas Xeracións" no Panteón de Galegos Ilustres. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.