A dixestión das xerais do 20 de decembro non foi doada no PP galego. Os de Alberto Núñez Feijóo mantivéronse como forza máis votada, pero deixaron polo camiño cinco escanos e sufriron unha perda duns 200.000 votos que devolveron ao partido vinte e cinco anos atrás, aos tempos de Alianza Popular, e o deixaron lonxe do obxectivo marcado polo propio presidente, que non era outro que manter "a maioría absoluta" dos escanos galegos, isto é, cando menos 12 dos 23 en xogo. Dende aqueles comicios houbo varios movementos no seo do partido conservador: mudaron os rostros de todas as baronías provinciais agás a de Baltar e Feijóo recunca como candidato cun novo 'número dous' no partido. Con este pano de fondo aseguran estar en condicións de recuperarse. Porque, din, van "desenmascarar ás Mareas".
O encargado de poñer en escena esta estratexia é Miguel Tellado, acabado de chegar á cadeira de secretario xeral que ocupaba Alfonso Rueda dende 2006. Tellado xuntou este mércores a alcaldes e voceiros do seu partido en cidades e vilas de máis de 30.000 habitantes. O que é o mesmo, os líderes locais máis damnificados da formación nas municipais de 2015. Xunto a eles, di, disponse a "amosarlle" á cidadanía "as barbaridades da xestión" das plataformas que gobernan consistorios como A Coruña, Ferrol ou Santiago. Eles serán "asesores privilexiados" do comité de campaña do PPdeG, que dirixe Tellado.
Tras o anuncio, realizado a través dun comunicado durante o Día das Letras, celebrouse a primeira xuntanza. Nela estiveron presentes, entre outros, o exalcalde de Santiago, Agustín Hernández, ou o director xeral de Administración Local da Xunta, Alberto Pazos. Tras o encontro Tellado ratificou que o seu obxectivo é "aumentar o voto urbano" e que "baixen os apoios ás Mareas", agora que "a xente xa coñece a súa xestión", di, aínda que o recente estudo postelectoral do CIS revele que unha mínima proporción do electorado dubidou entre votar polo PP ou facelo por En Marea.
O PPdeG sitúa como "asesores privilexiados" da campaña a voceiros municipais de varios concellos
Así as cousas, o 'número dous' de Feijóo asegura que nos vindeiros "corenta días" o PP vai "explicar á cidadanía o traballo que fixo o PP e o que non están facendo as Mareas, cuxa xestión é unha fochanca en si mesma", enfatiza. Así, o tamén deputado ironiza con que en Ferrol "hai un alcalde máis preocupado pola retirada do busto do rei emérito e por impulsar unha consulta sobre a monarquía parlamentaria [en referencia a unha moción debatida nun pleno] que polo desemprego". Na Coruña acusa o goberno da Marea Atlántica de "non ser quen de aprobar os orzamentos -a aprobación inicial pasou xa polo pleno con emendas de PP e PSOE- nin de abrir o Túnel da Mariña", que abriu o 12 de maio. No caso de Santiago, a acusación de Tellado céntrase en que o Concello "non tapa as fochancas" nin "saca a licitación os comedores escolares".
Tellado "Beiras non sería mellor presidente que Feijóo"
A devanditas cuestións locais son, segundo Tellado "exemplos" de que, cara ás vindeiras eleccións galegas, só hai dúas opcións: unha maioría absoluta de Feijóo ou "as Mareas". E nesta liña, conclúe, cómpre saber que "Xosé Manuel Beiras non sería mellor presidente que Alberto Núñez Feijóo", igual que "Pablo Iglesias non sería mellor presidente que Mariano Rajoy". O PP "non sempre acertou" pero "podemos non o faría moito mellor", agrega.