O PPdeG faille as beiras ao PSOE e insta a votar "por Galicia e por España"

Intervención de Miguel Lorenzo ante Feijóo © PPdeGalicia

PP e PSOE centran as súas críticas en Podemos e Ciudadanos. Conscientes de que o auxe dos novos partidos réstalles a ambos dun e doutro lado, o bipartidismo intensifica en Galicia os seus ataques aos novos partidos, especialmente ás mareas. Os socialistas porque saben que son as novas candidaturas as que lles están a comer máis espazo, e os populares porque ven na fortaleza do PSOE un mal menor contra o avance das novas formacións. 

Así o deixan claro nas súas intervencións os dous grandes partidos, que mesmo coinciden no argumentario. Se o pasado martes na Coruña foi Pedro Sánchez quen asegurou que Pablo Iglesias demostra "que se algo ama por riba de calquera cousa é a si mesmo", este mércores foi Núñez Feijóo quen advertiu de que o único que se sabe dos novos partidos é "que se queren moito a si mesmos" e que "son un paso a ningunha parte". "Porque non sabemos a quen van facer presidente", insistiu o presidente da Xunta nun almorzo informativo organizado por Nueva Economía Forum xunto ao número 1 do PP ao Congreso pola Coruña, Miguel Lorenzo. 

Feijóo e Pedro Sánchez coinciden en criticar que das novas formacións "só se sabe que se queren moito a si mesmos"

Feijóo contrapuxo o labor de Lorenzo no Concello da Coruña e do PP fronte "aos que sacan bandeira dos servizos sociais cando se pode sacar rédito político, aos que presumen de non ter experiencia na xestión e fronte aos que non son quen de dialogar para sacar adiante unha partida orzamentaria", en referencia aos atrancos da Marea Atlántica para aprobar o modificativo de crédito. Ademais, advertiu dos políticos "aos que se lle pode subir a fama á cabeza" ou ás "grandes imaxes de líderes todopoderosos" ou protagonistas "na televisión". 

Ao tempo, cargou contra Ciudadanos referíndose a aqueles "que non teñen propostas para Galicia", en referencia á polémica entrevista do número 1 da formación laranxa pola Coruña, e insistiu no PP como único partido cun proxecto "sólido, estable e coherente" cuxo apoio supón "votar por Galicia e tamén por España" e non por "proxectos personalistas". Tamén fixo unha fonda defensa da Constitución fronte aos que "queren facer borrón, empezar de cero ou fronte aos nacionalistas que queren romper con ela e cos seus valores". 

Miguel Lorenzo pide "non resignarse ao que pasa na Coruña" e "non deixar que se estenda ao conxunto do Estado"

Por outra banda, Miguel Lorenzo, cabeza de cartel dos populares na Coruña, centrou o seu ataque na Marea Atlántica e o seu goberno, "sinónimo de parálise, da política do non, de demagoxia, mensaxes sen contido e mesmo de desquite". Pediu, incluso, "non resignarse ao que está pasando na Coruña" e "non deixar que se estenda ao conxunto do Estado". 

Ademais, preguntado por unha posible moción de censura para derrubar o executivo local da Marea, Lorenzo dixo non ter resposta pero si aclarou que "o PP está plenamente preparado por se houbese que coller de novo o goberno da cidade". Aclarou que non lle gustan "os pactos entre perdedores" e lanzou varias mensaxes ao PSOE, ao que dixo ter "moito respecto". "Non entendo o seu apoio á Marea porque é importante ter un Partido Socialista forte e estas decisións desprestíxiano", engadiu. 

O PPdeG lanza mensaxes ao PSOE, do que di "non entender os seus pactos": "É importante ter un PSOE forte e unirse contra o PP non é bo"

"Non entendo nin comparto estes pactos do PSOE porque é pegarse un tiro no pé; non hai que ir todos contra o PP, porque se gaña as eleccións debe gobernar", aclarou abrindo o foco dos acordos entre socialistas e novas candidaturas, para advertir de que "ou gobernan os populares ou gobernan tres partidos que non teñen nada que ver entre si". "Unirse contra o PP non é bo", insistiu Lorenzo nas súas mensaxes aos socialistas, tras pedir ao auditorio que "non vote coa emoción, senon coa razón e a serenidade", en clara alusión de novo ás novas formacións políticas que ameazan a supremacía do bipartidismo. 

Precisamente, Miguel Lorenzo tamén insistiu nas súas críticas a Ciudadanos, un partido "que se retrata" cando non é capaz de especificar as súas propostas para A Coruña. "Teñen un líder de márketing pero detrás del non vexo proxecto nin experiencia de xestión", finalizou. 

Feijóo e Miguel Lorenzo © PPdeGalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.