O PPdeG ganaría 13 alcaldías urbanas nas últimas catro municipais coa reforma de Rajoy

Feijóo, nun acto con Conde Roa e Albor nos seus anos de oposición © PPdeG

Calquera cousa menos inocua. A reforma electoral pola que o PP galego leva apostando dende hai lustros para ilegalizar os gobernos de coalición nos concellos, a mesma que Mariano Rajoy vén de comezar a axitar a apenas 10 meses das vindeiras eleccións, provocaría un verdadeiro envorcamento do panorama político nas cidades galegas en tres dos catro últimos comicios locais. Outorgarlle as alcaldías á forza máis votada con independencia dos votos e edís logrados polo resto de forzas municipais faría das urbes do país un territorio practicamente monocolor da dereita agás en 2003.

O que, en verbas de Alberto Núñez Feijóo na Fundación FAES, está concibido para impedir que "un candidato que perdeu claramente as eleccións se convirta en alcalde" mediante "pactos nos despachos" implicaría, por exemplo, que 1999 non fose o ano no que o fraguismo comezou a experimentar o seu declive nas cidades. Cambios de goberno tan relevantes como os de Lugo e Pontevedra nunca se producirían, os socialistas perderían o bastón de mando en Compostela e o BNG nunca accedería a el en Vigo e Ferrol. Tal sería o cambio que o PP pasaría de gobernar neste ano só unha cidade, Ourense, a facelo en todas menos na Coruña.

Co plan de Rajoy o PP gobernaría en todas as cidades tras as municipais de 2011

Tras unhas eleccións, as de 2003, nas que apenas mudaría nada coa doutrina que Rajoy pretende implantar -en Vigo comezou gobernando o PSdeG de Ventura Pérez Mariño pero o Bloque retiroulle o apoio- en 2007 ignorar o xogo das maiorías volvería tinxir de azul seis das sete cidades do país. Aínda que a esquerda fose máis votada non podería acceder á Alcaldía de Ourense grazas á coalición de PSdeG e BNG. O Bloque tería que deixar de gobernar Pontevedra malia, xunto cos socialistas, sumar máis votos que os conservadores. En Santiago Gerardo Conde Roa accedería xa daquela ao poder e Corina Porro continuaría exercéndoo en Vigo.

Feijóo insta a estender o modelo ás eleccións autonómicas e xerais

Algo semellante sucedería en 2011. En Vigo Porro encadearía o seu segundo mandato e en Pontevedra os de Feijóo lograrían de novo a Alcaldía malia ter o mesmo número de edís que o BNG e algo idéntico pasaría en Ourense co PSdeG. O Concello de Lugo retornaría tamén a mans dos populares que, no canto de dirixir tres cidades e ser oposición en catro, gobernarían nas sete. Segundo Feijóo unha operación con estes resultados sería positiva porque "por algo hai que empezar", se ben el é partidario de que este sistema se estenda tamén ao Parlamento de Galicia e ás Cortes Xerais.

Cidade / Elección 1999 2003 2007 2011
A Coruña PSdeG PSdeG PSdeG PP
Lugo PSdeG PSdeG PSdeG PSdeG
Ourense PP PP PSdeG PSdeG
Pontevedra BNG BNG BNG BNG
Santiago PSdeG PSdeG PSdeG PP
Vigo BNG PP* PSdeG PSdeG
Ferrol BNG PP PSdeG PP
 Gobernou Gobernaría o PP coa reforma

 

Feijóo, nun acto con Conde Roa e Albor nos seus anos de oposición © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.