O PPdeG sae en defensa do Valedor mentres aumentan as peticións para que marche

O Valedor, coa conselleira de Benestar, nunha imaxe de arquivo © Xunta

En medio das masivas críticas da oposición e de varios colectivos sociais, o PPdeG sae en defensa do Valedor do Pobo. O deputado popular, Román Rodríguez, di que "non se pode criminalizar unha institución cando achega a súa opinión" e engade que as declaracións de Benigno López son só "a súa propia opinión".

O Valedor do Pobo defendera os recortes aplicados polo Executivo central e a Xunta como "xustos, imprescindibles e innecesarios" e propuxera suspender a Lei da Dependencia, o que provocara a dimisión da Vicevaledora, Dolores Galovart, encargada das área social da institución, e en desacordo coas polémicas declaracións de Benigno López. No entanto, o PPdeG defende a súa actuación a través dunha rolda de prensa de Román Rodríguez, que cre que o Valedor "ten a súa visión".

"Non se pode criminalizar unha institución cando achega a súa opinión"

"Nós podemos compartir algunhas cuestións e outras non", explicou o popular, aínda que remarcou que "en certa medida" o Valedor do Pobo "é un altofalante da sociedade" e "traslada á opinión pública o que di a sociedade". Logo de mostrar o seu "máximo respecto" pola institución, Román Rodríguez  sinalou que "a oposición é moi libre de pedir as dimisións que queira", pero asegura que non lle parece "especialmente coherente que se use o Valedor cando interesa e cando non interesa non".

"Non é coherente que a oposición use o Valedor cando interesa e cando non interesa non"

Ademais, o deputado popular censurou a actitude do PSdeG por anunciar a dimisión da Vicevaledora  "para ter un maior impacto mediático" e pouco despois de que o presidente da Xunta anunciase no Debate do Estado da Autonomía a súa intención de suprimir a figura dos vicevaledores.

Precisamente, o PSdeG reiterou este sábado a solicitude de dimisión do Valedor e anuncia que presentará unha iniciativa parlamentaria para pedir a destitución de Benigno López amparándose no artigo 5º, 4ª da Lei do Valedor, que establece como causa de cesamento o “notorio incumprimento das obrigas e deberes do seu cargo”. O parlamentario Pablo García explicou en rolda de prensa que Galicia "non precisa para nada un Valedor do Goberno e do PP" e apuntou que "as institucións sempre deben estar moi por riba das persoas".

"Non precisamos para nada un Valedor do Goberno e do Partido Popular"

"Se nalgún momento é necesario o Valedor é neste mais que nunca para defender os intereses das persoas no momento en que se están recortando e tirando polo chan tantos dereitos dos cidadáns”, explicou Pablo García, que pediu a Benigno López que "defenda os intereses do pobo e dos cidadáns" e que aclarou tamén que as declaracións de Pachi Vázquez, nas que pedía "recortar" o alto comisionado, referíase "á persoa e non á institución". 

A Mesa tamén pide a súa destitución

Ademais, ás peticións de dimisión de Benigno López uniuse tamén A Mesa pola Normalización Lingüística, que volveu a reclamar o cesamento do Valedor do Pobo, por “non parar de acumular despropósitos e ataques contra os dereitos cidadáns que debería defender”. A organización sinalou, a través do seu presidente, Carlos Callón, que “López carece do rigor e da credibildiade para continuar no cargo”. A Mesa ten expresado xa en diferentes ocasións a súa “profunda disconformidade” co “proceder radicalmente pro-PP e moi pouco institucional” de López, a quen non considera “capacitado para exercer un cargo de consenso e que mellore a convivencia”.

 

 

O Valedor, nunha visita a un centro de maiores © Valedor do Pobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.