O PPdeG tenta correr máis que Bárcenas no reinicio da actividade política

Mitin do PP en Soutomaior © PPdeG

No inicio do seu primeiro mandato como presidente da Xunta a Alberto Núñez Feijóo incomodábano as preguntas da prensa sobre o caso Gürtel se estas eran referidas a Galicia. O líder da dereita en Galicia non tiña problemas en recomendar celeridade e contundencia á Xustiza sobre o caso en xeral, pero era remiso a responder as cuestións vinculadas con, por exemplo, Pablo Crespo, ex secretario de organización do PPdeG considerado un dos líderes da trama corrupta que permaneceu no consello de administración de Portos de Galicia con Feijóo como conselleiro de Política Territorial do goberno de Manuel Fraga. Salvando as distancias, no reinicio da actividade política ordinaria a Feijóo acontécelle algo semellante co caso Bárcenas, se ben agora o presidente galego xa non é a estrela que máis loce no firmamento popular.

Tocado politicamente pola publicación das fotografías co narcotraficante Marcial Dorado a voz de Feijóo ecoa moito menos no Estado á hora de pedir contas claras, explicacións e transparencia no caso de presunto financiamento irregular do seu partido. O pasado xullo El País publicaba que Bárcenas ocultou doazóns ilegais de varias empresas construtoras ao PPdeG. Esas achegas, segundo a mesma información, tamén se produciron no ano 2006 por importe de case dous millóns de euros. Ese ano foi, precisamente, no que Feijóo chegou á presidencia do partido. A versión oficial dos conservadores é que esas informacións "non teñen ningún tipo de contraste", en verbas do seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, e por iso nin pensan en aceptar as peticións de comparecencia formuladas pola oposición do PSdeG, moito menos as esixencias de dimisión que formulan AGE e BNG.

O PP argumenta que os datos dos papeis de Bárcenas non teñen "contraste" e apóiase na suposta chegada da recuperación económica

Neste contexto, o partido que sustenta o Goberno galego comeza o curso político tentando manter cheo de aire o globo inchado por Mariano Rajoy e o propio Feijóo no mitin de Soutomaior, no que proclamaron, sen máis datos que a súa propia suposta convicción, que a recuperación económica e a creación de emprego están á volta da esquina e moito máis en Galicia, onde a saída da crise vai comezar antes, din. Nesta liña, este martes levarán á Xunta de Portavoces do Parlamento a Lei de Emprendemento. Ao tempo, insisten en que as súas prioridades son elaborar os Orzamentos de 2014 -algo obrigado- e recortar o número de escanos do Parlamento. Para todo isto, explicaba Puy este luns, buscarán o consenso coa oposición e moi especialmente co PSdeG, a cuxos "novos responsables" convidan a establecer pactos.

A axenda da oposición

Coa vista posta, precisamente, no proceso de renovación interna que culminará coas primarias deste sábado e o congreso nacional do día 29, o PSdeG xa avanza que non acompasará o seu paso ao do PP. O seu voceiro parlamentario, Abel Losada -que xa puxo o seu cargo á disposición dos candidatos José Ramón Gómez Besteiro e Manel Vázquez-, considera "unha broma macabra" que os conservadores teimen en asegurar que o crecemento económico está a piques de chegar. Os datos de desemprego e do PIB, di Losada, amosan ás claras que Galicia é "cada vez máis, un país máis pobre e máis desigual". Por este motivo, avanza, non secundarán a política económica gobernamental e tampouco cesarán na insistencia de reclamar a comparecencia do presidente polo caso Bárcenas. "Feijóo ten que explicar cal é o papel dese presunto financiamento irregular no partido que presidía e no congreso que o levou á Presidencia da Xunta", din os socialistas.

A oposición insiste en que Feijóo debe dar contas polo financiamento do PP e rebate que a crise estea a rematar

A petición de contas polo caso Bárcenas centra tamén a axenda política de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) neste final de verán. Durante o período estival a coalición encabezada por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz xa reclamou a dimisión do presidente porque, din, "o Goberno de Núñez está definitivamente deslexitimado" e "se tivese un mínimo de vergoña, o que debería facer é convocar eleccións inmediatamente". Os recortes educativos, o mantemento do financiamento aos colexios que segregan por sexo ou a xestión dos incendios forestais son outros dos asuntos que centran a atención de AGE que, xunto ao BNG, tamén reclama a creación dunha comisión de investigación "sobre as causas" do accidente ferroviario de Angrois e "sobre as condicións de seguridade na rede ferroviaria de alta velocidade".

Pola súa banda, o Bloque procurará explicitar os seus asuntos prioritarios na volta á actividade política na manifestación que ten convocada para o vindeiro 15 de setembro, unha mobilización que vén substituír á tradicional do Día da Patria -cancelada polo accidente ferroviario- e que este luns o seu portavoz nacional, Xavier Vence, presentou como unha oportunidade de rebelión ante a crise económica. Para Vence "falar de recuperación económica é un insulto á intelixencia" e un exercicio de "cinismo", polo que a mobilización debe servir para iniciar unha "nova etapa" nun "país que non acepta seguir sendo estafado". Trátase, di, de "trasladar á rúa a carraxe dos fogares".

Bancadas da oposición, nun pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.