O presidente murciano, que pedirá o rescate, dirixe as rexións da UE pola súa "política exitosa"

Ramón Luis Valcárcel, nun acto de partido © PP

Primeiro foi un ruxerruxe. Despois, admitiuno nunha entrevista. Máis tarde negouno e, finalmente, volveuno recoñecer este luns. O presidente de Murcia, Ramón Luis Valcárcel, admitía este luns que o Goberno que preside acudirá ao fondo creado polo Goberno central para subministrarlles liquidez ás autonomías ou, o que é o mesmo, pedirá o rescate do Estado para poder facer fronte aos pagamentos pendentes e farao, admite, malia que as "condicións" impostas por Mariano Rajoy "van ser durísimas". Casualidade ou non, o feito é que a Rexión de Murcia, que centrou boa parte do crecemento económico ao abeiro da burbulla inmobiliaria, é a segunda comunidade en pedir a intervención despois de Valencia, outra das que tamén foi emblema das alegrías e da abundancia do ladrillo. Pero, a diferenza da Comunitat Valenciana, o labor de goberno de Valcárcel transcende os límites da súa autonomía e chega ata Bruxelas, nomeadamente, ata o Comité das Rexións, do que é presidente dende hai poucos días.

Alberto Núñez Feijóo foi elixido para ocupar unha das vinte e sete vicepresidencias do Comité das Rexións

Nunha sesión na que o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi designado para ocupar unha das vinte e sete vicepresidencias do organismo -unha por Estado membro-, Valcárcel foi designado por aclamación para encabezar este órgano consultivo do que emanan directrices sobre a política rexional europea, posto que ademais lle outorga unha certa visibilidade política e institucional a nivel de todo o continente. Neste contexto, e apenas cinco días antes de que admitise que Murcia precisa o auxilio estatal, o PPE europeo desfíxose en eloxios cara os dotes de xestor do presidente murciano.

A través dos seus máximos dirixentes, Wilfried Martens e Antonio López-Istúriz, o PPE gaba a "exitosa carreira política de Ramón Luis Valcárcel na política rexional española", factor que, xunto á súa "participación activa" no propio Comité dende 1995, din, "o converte nun activo moi valioso para esta institución da UE e para a UE no seu conxunto". Neste sentido, Martens e López-Istúriz eloxian especialmente o labor que, aseguran, desenvolverá o murciano fronte á mesma crise que ten as finanzas do seu Executivo ao bordo da creba. "Nestes tempos difíciles para Europa, os nosos esforzos para resolver a crise deben dirixirse tamén ao nivel rexional, ademais de aos ámbitos nacional e europeo", afirman. Neste sentido, amósanse convencidos de que "as iniciativas políticas a nivel local e rexional contribuirán a devolver a economía europea á senda do crecemento, o emprego e a innovación". "Estamos seguros de que o presidente Valcárcel xogará un papel moi importante neste proceso", salientan.

Malia ás loubanzas do PPE foi precisamente en Bruxelas onde Valcárcel se viu forzado a ofrecer as primeiras explicacións sobre o rescate a Murcia. Tras reunirse co presidente da Comisión, José Manuel Durão Barroso, o conservador esforzouse en asegurar que o seu Goberno "o que fai é solicitar fondos de liquidez -uns 300 millóns de euros- que non teñen nada que ver co rescate". "Se eu tivese a necesidade dun rescate solicitaríao visto e non visto" pero, mantén, "non é preciso ter que chegar a ese estremo". Así e todo, o aparente optimismo de Valcárcel contrasta coa realidade, a cal reflicte que Murcia ten que facer fronte a máis de 400 millóns de euros en vencementos no que queda de ano, pagamentos para os que lle será moi complicado atopar financiamento nos mercados, dado que axencias como Moody's ou Standard&Poors consideran os seus títulos de débeda como "bono lixo".

Ramón Luis Valcárcel, nun acto de partido © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.