O prezo do bus na Coruña baixa xa tras negar a xuíza a suspensión que pediu a empresa concesionaria

Autobús urbano da Coruña na parada do CHUAC © Concello da Coruña

A titular do xulgado do contencioso-administrativo número 4 da Coruña denegou este xoves a suspensión cautelar da baixada de tarifas do bus urbano na Coruña até que se pronuncie sobre a súa legalidade. A xuíza emitiu un auto no que rexeita a medida cautelar solicitada pola Compañía de Tranvías, concesionaria do servizo público que quixo bloquear a redución de prezos tras anunciar o Concello que se aplicaría desde este venres 1 de febreiro. Horas despois, a propia administración local tivo que renunciar a unha medida que agora recupera. 

A xuíza alude ao interese público da redución de tarifas e aclara que os posibles prexuízos económicos no privado "son facilmente resarcibles"

A xuíza aclara que deben “ponderarse” os intereses públicos e privados en conflito. Así, aclárase que os posibles prexuízos económicos no privado “son facilmente avaliables e, por iso, resarcibles”, mentres que o interese público “non resulta resarcible porque os cidadáns que non se benefician da baixada de tarifas son innominados á hora de utilizar o servizo público”. O xulgado insiste en que se a sentenza fose desestimatoria, a Compañía de Tranvías embolsaríase “de forma improcedente unhas cantidades que non serían resarcibles aos prexudicados”.

A maxistrada advirte de que a concesionaria “nin invocou nin acreditou que con esa minoración de ingresos a explotación do servizo sexa inviable” e lembra que para que os prexuízos económicos amparen a solicitude de medidas cautelares, a xurisprudencia esixe “que se proben adecuadamente os danos e prexuízos de imposible reparación, non bastando a mera invocación xenérica”.

Autobús urbano da Coruña © Concello da Coruña

Xa que logo, desde este venres 1 de febreiro, coas novas tarifas aprobadas polo goberno local, unha viaxe pagada coa tarxeta bonobús pasa dos 85 céntimos aos 75, mentres que un ordinario queda en 1,20 euros fronte aos 1,30 actuais. Ademais, o bonobús social queda en 33 céntimos, o universitario en 30, mentres que se establece a gratuidade dos percorridos dos menores de 13 anos e dos transbordos en calquera liña nun prazo de 45 minutos. 

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, amosou a súa satisfacción por este anuncio dos xulgados “xa que reverte nun ben para toda a cidadanía”. 

O billete ordinario do bus na Coruña baixa dos 1,30 euros aos 1,20; co bonobús, o prezo queda nos 75 céntimos e as viaxes serán gratuítas para os menores de 13 anos

No seu recurso, a Compañía de Tranvías solicitou (e conseguiu) a suspensión cautelar da baixada de tarifas acordada en xunta de goberno local en setembro e decembro pasado logo de que o Concello rexeitase as súas alegacións. Ademais, antes xa solicitara ante a Xunta revisar as tarifas, conxeladas desde 2015, para subir o prezo nove céntimos máis no billete ordinario, ata 1,39 euros.

A Compañía de Tranvías da Coruña obtivo no pasado ano 2017 4,3 millóns de beneficios, un chisco menos dos obtidos en 2016, exercicio récord, con 4,5. En ambos casos, o goberno local considera, como fai Competencia, excesivos esas ganancias para unha compañía que ofrece un servizo público e que pretende o incremento nas tarifas. O prezo do billete do bus coruñés supera a media estatal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.