O PSdeG adía as súas primarias ata que se "aclare a gobernabilidade" no Estado

José Ramón Gómez Besteiro, este domingo no Comité Nacional do PSdeG-PSOE © PSdeG-PSOE

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, gaña tempo. Investigado por presuntas irregularidades urbanísticas relacionadas coa súa etapa como concelleiro en Lugo, no marco do caso Garañón, leva meses resistíndose a confirmar se optará a ser o candidato dos socialistas galegos á presidencia da Xunta. Este domingo a formación celebraba unha reunión do seu Comité Nacional que tiña na súa axenda a fixación dun calendario de primarias. Con todo, a proposta de Besteiro, o PSdeG decidiu atrasar este proceso "ata que se aclare a gobernabilidade do Estado", ben a través da formación dun Executivo, ben pola repetición das eleccións.

Abel Caballero apoiou a Besteiro na súa intervención no Comité Nacional: "Non deixemos que ninguén nos marque os nosos tempos"

Besteiro sinalou en varias ocasións que nunca faría nada que "danase" o partido, o que foi interpretado como unha renuncia a ser o candidato mentres se mantivese a súa imputación. O secretario xeral do PSdeG, que defende a súa inocencia e cre que máis pronto que tarde quedará libre de sospeita, considera que simplemente necesita tempo para aclarar a súa situación. E tempo é o que gañou.

A súa proposta recibiu, en principio, o apoio sen fisuras da súa formación. Outro dos pesos pesados do partido, o alcalde vigués Abel Caballero, apoiou a Besteiro na súa intervención no Comité Nacional: "Non deixemos que ninguén nos marque os nosos tempos, porque están a buscar que nós o teñamos que marcar cando eles non os marcaron aínda". "Eu non coñezo ao candidato de ningún partido neste momento", engadiu.

No seu discurso, Besteiro cargou contra o PP e con igual ou máis virulencia contra Podemos

No seu discurso, Besteiro cargou contra o PP ("O PP ten que pasar de inmediato á oposición. Converteuse nun risco para a xestión do público. Feijóo confirmou que xa dá por perdida a Xunta. Todo o que Feijóo toca, afúndese") e con igual ou máis virulencia contra Podemos. Neste sentido, criticou a falta de apoio da formación morada ao pacto PSOE-Ciudadanos ("Necesitamos un acordo transversal. O irónico é que os que dicían que non eran de esquerdas nin de dereitas non o entendan. Pablo Iglesias xa non busca o ceo, senón a repetición do asalto"). Con todo, o propio Caballero tamén apuntou á convocatoria de novas eleccións se Podemos ou o PP non apoian a Sánchez ("Ou hai un goberno presidido por Pedro Sánchez, ou imos a eleccións").

Besteiro tamén se lanzou contra as mareas, coas que comparte goberno en Ferrol e cuxa investidura apoiou na Coruña e Compostela: "Cando as mareas baixan a Madrid non levan os problemas de Galicia, pero cando soben traen problemas doutras comunidades".

 

José Ramón Gómez Besteiro, este domingo no Comité Nacional do PSdeG-PSOE © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.