O PSdeG alerta de que a reforma local do PP provocará a intervención polas deputacións de 293 dos 315 concellos

José Luis Méndez Romeu © Xunta

José Luis Méndez Romeu adiantou este sábado a “oposición total” dos socialistas ao último borrador de reforma da Lei de Bases de Réxime Electoral elaborada polo Goberno do Estado. Neste sentido, o deputado socialista anunciou que o seu partido está a valorar a presentación de recurso de inconstitucionalidade do texto por vulneración da autonomía local e das competencias das comunidades autónomas. Para Méndez Romeu o texto lexislativo proposto polos populares pretende exclusivamente a “privatización dos servizos públicos que agora prestan os municipios”. E lembra que o déficit dos concellos só representa o 4% do total de España, e que, deste o 25% corresponde ao Madrid da época de Gallardón. Polo que todo o pretendido aforro do Goberno é igual ao déficit do concello de Madrid.

Para Méndez Romeu o texto lexislativo proposto polos populares pretende exclusivamente a “privatización dos servizos públicos que agora prestan os municipios”

Tamén denuncia a desaparición de servizos que os concellos prestaban directamente ás persoas, como as axudas aos dependentes. “A reforma antepón a rendibilidade económica á rendibilidade social, opta pola privatización masiva dos servizos públicos, que serán mais caros e de peor calidade, e significa un recorte do financiamento local, e, polo tanto, da acción social que prestan os concellos, especialmente os rurais”, conclúe. E acusa aos autores desta reforma lexislativa de “descoñecemento absoluto da Administración local española” porque nin evita duplicidades, nin produce aforro, nin garante o normal funcionamento dos concellos. Nin sequera fomenta a cooperación supralocal nin a transparencia. 

Méndez Romeu alerta de que 293 dos 315 concellos existentes en Galicia “desaparecerán” ao non poder cumprir os estándares marcados polo Estado e pasarán a ser intervidos polas deputacións

Méndez Romeu alerta de que 293 dos 315 concellos existentes en Galicia “desaparecerán” ao non poder cumprir os estándares marcados polo Estado e pasarán a ser intervidos polas deputacións, institucións que recordou o parlamentario socialista, que non son elixidas polos cidadáns nin responden diante deles. Engade que tampouco teñen nin capacidade técnica, nin financeira, nin organizativa para asumir ese novo rol tutelar: “Alguén imaxina que a Deputación de Ourense ten medios para asumir os servizos públicos dos cen concellos ourensáns por baixo de 20.000 habitantes?”

"Óptase pola privatización, a potenciación das estruturas máis obsoletas e anacrónicas da administración española, que son as deputacións", conclúe Méndez

Tamén rexeita o deputado coruñés que o debate aberto sobre as retribucións dos alcaldes e concelleiros e argumenta que “xa a Fegamp aclara que só o 12% dos cargos electos perciben retribución”. Lonxe da modernización e estabilidade das institucións locais, as máis valoradas polos cidadáns, "óptase pola privatización, a potenciación das estruturas máis obsoletas e anacrónicas da administración española, que son as deputacións", conclúe Méndez.

José Luis Méndez Romeu © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.