O PSdeG aposta pola fin das deputacións no canto de suprimir o 30% de edís

Pachi Vázquez, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

“A democracia non costa cartos”. É a base sobre a que os socialistas galegos abordaron este sábado a reforma da Administración local aprobada polo Goberno central dentro do seu paquete de recortes  e que ten como cerne a supresión do 30% dos concelleiros e concelleiras a partir das vindeiras eleccións municipais, no ano 2015. No marco dunha xuntanza cos responsables de política municipal do partido o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, vén de introducir unha postura á que, cando menos abertamente, a formación nunca se sumara: a supresión das deputacións provinciais.

Despois de que, no seu pasado Congreso Nacional, esta formulación rematase por non ser incluída nas teses políticas, a reforma do gabinete que dirixe Mariano Rajoy semella ter aguilloado o ideario municipalista do PSdeG, en cuxo seo se dubida da vontade de aforro manifestada polo Goberno de España. “Neste país de 4.500 concelleiros, o 80% non cobra nada” polo que “é inxusto pensar que reducindo a quen non cobra, se aforra”. “Nós apoiamos a redución do gasto pero non a redución da democracia”, di Vázquez, e por iso, fronte á supresión de edís e de concellos de menos de 5.000 habitantes para “fortalecer as deputacións”, “nós apostamos por suprimir as deputacións e fortalecer os servizos para os cidadáns”, di.

Os socialistas pedirán formalmente unha asemblea extraordinaria da Fegamp

Nun contexto no que, lembra, os case 35.000 núcleos de poboación de Galicia supoñen o 50% de todo o estado, o líder dos socialistas galegos coida que “non se pode cercenar a democracia na política de proximidade dos cidadáns”. “Que lles vai pasar aos veciños do Bolo, da Veiga, de Pedrafita ou de Covelo -exemplifica- cando lles supriman as súas estruturas municipais? Que lle vai pasar ao noso medio rural, onde as únicas aliadas son as corporacións, nas que non cobra nada practicamente ningún concelleiro?”.

Con estas preguntas sobre a mesa Pachi Vázquez asegura que a súa postura será realizar unha “defensa pechada dos milleiros de concelleiros do PP, do PSdeG, do BNG e de grupos independentes que dedican a súa vida aos concellos sen cobrar un euro” e, no canto de “falar de memoria e buscando titulares”, tentar “aplicar rigor científico e económico”. Isto, di, debera facerse nunha “asemblea extraordinaria urxente” da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que os socialistas solicitarán na executiva que celebrará a entidade a vindeira semana, xuntanza na que advertirán, ademais, de que “ningún partido está lexitimado para tomar el só decisións deste callado”.

Pachi Vázquez, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.